«Levar as vacas pola corda ou ir aos niños é unha cultura que eu vivín»

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS VILALBA / LA VOZ

GUITIRIZ

PALACIOS

Manuel Castro Santamariña, profesor e director de colexio preto de xubilarse, admite que hoxe é difícil atopar un neno que nomee «máis de tres ou catro variedades arbóreas»

12 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

36 anos, sete meses e 16 días. Esa será a duración da actividade profesional de Manuel Castro Santamariña, que está preto de xubilarse; farao sendo director do CEIP Mato Vizoso, en Vilalba, onde leva tres anos nese cometido e once en total como profesor.

«En todos estes anos -lembra-, só tiven unha baixa por cinco días, por unha gripe; e fun traballar aos tres días, afortunadamente». Nos seus primeiros tempos de alumno, en Guitiriz, tivo un mestre, Antonio Santamarina Becerra, que deixou nel unha fonda pegada: lembra que o animou a estudar o Bacharelato e que convenceu a seus pais de que pagaba a pena que o neno seguise polo camiño dos libros, pois condicións non lle faltaban. Agora, anos despois, o alumno confesa que se de algo se arrepinte, é de non ter falado máis co mestre.

-Hai na profesión de mestre unha parte vocacional máis forte ca noutras?

-Creo que debe terse. Ás veces, empezas e as circunstancias do lugar e dos compañeiros fanche máis ou menos grato o desenvolvemento da profesión; pero ten unha parte vocacional.

-É cada vez máis difícil ser profesor?

-Probablemente. Noutros momentos había o problema dos medios, das condicións de traballo. Hoxe a complexidade vén por outros ámbitos: non polos medios, porque se avanzou, senón pola complexidade da sociedade na que vivimos.

-Vostede naceu en Guitiriz e vive en Vilalba. ¿Recoñece o neno que foi nos nenos de hoxe, no seu xeito de vida...?

-Non. Daquela, en Guitiriz, todas as casas, agás as do centro, tiñan unha certa actividade agraria, con terreos arrendados e con vacas postas [animais que se empregaban para traballar pero que tiñan un dono distinto, que levaba unha parte dos beneficios]. Se o dis hoxe... Levar as vacas pola corda ou ir aos niños é unha cultura que eu vivín; hoxe, non hai un neno que saia aos niños. Ou devecer por ter unha navalla, que era ter a fábrica de xoguetes no peto... Ese tipo de cultura morreu coa miña xeración. Na miña nenez, no verán iamos a unha zona do sur de Guitiriz, o Boedo, e xuntabámonos coas vacas; alí as vacas pacían e paraban soas. Alí aprendíase a nadar: eu aprendín alí, agarrado a un ameneiro. Era outro mundo; hoxe, aos nenos, aínda que sexan do medio rural, tráenos os pais á piscina. Ademais, naqueles anos a xente emigrou, e perdeuse a transmisión de avós a netos, que é, creo, unha das eivas da nosa cultura.

-Pérdese entusiasmo cos anos?

-Non. Quizais o que percibo, e pode ser un problema de idade, é que non é doado motivar aos nenos. A sociedade é cada vez máis de pantallas, de flashes informativos. Pérdese o hábito de manter a atención, da conversa sosegada. Tamén noto unha perda de vocabulario nos rapaces, quizais porque nas familias se fala pouco, e a comunicación, como todo, require práctica.

-Que é máis difícil, ser director ou ser profesor?

-Ser director, sen dúbida. Non deixas de ser profesor, e a iso tes que engadirlle a complexidade burocrática e as relacións cos profesores, co persoal non docente, cos pais... É un labor moi diverso: sempre tes moitas frontes abertas e non sempre tes resposta aos problemas que van xurdindo día a día.

-Foi presidente do Instituto de Estudos Chairegos (Iescha) . Como ve hoxe a relación dos nenos da comarca coa contorna?

-Nós tiñamos un maior contacto coa innmediata, coa natureza, pero non o tiñamos coa menos inmediata, porque non se viaxaba. O ensino traballa hoxe o coñecemento do medio máis ca daquela: eu sabía os ríos de Rusia, pero non os que había na Terra Chá, quitado o Miño. A cultura agropecuaria, para min, é marabillosa, porque é unha aprendizaxe continua: ves o proceso natural das plantas e dos animais, e velo dunha maneira práctica, día a día. Hoxe, aos nenos fáltalles ese contacto coa natureza. A cultura tradicional ten moito de positivo, mesmo no vocabulario. É difícil que un neno hoxe diga máis de tres ou catro variedades arbóreas ou máis de tres ou catro paxaros. Antes aprendías iso de maneira práctica, porque non é igual facer os arcos de salgueiro que facelos de toxo ou de xesta; ou apañar a árnica, ou ir á casca do sanguiño...

Varios destinos e agradecemento aos compañeiros que foi atopando

Cariño foi o seu primeiro destino profesional. Alí pasou uns poucos meses, que lle abondaron para facer uns amigos que aínda conserva. No seguinte, nas Pontes, tamén o acompañou a brevidade, e tivo que ser o terceiro, en Aranga, o que lle dese unha estabilidade de anos nun mesmo concello. En Xermade pasou unha longa tempada, con 16 cursos no colexio, incluidos nove de director. No CEIP Mato Vizoso leva once; os tres últimos, na dirección.

Aínda que exercer a dirección supoña certas complicacións, como el recoñece, a colaboración dos compañeiros nunca lle faltou, e el agradece o labor dos que o acompañaron nese labor, antes en Xermade e agora en Vilalba. O CEIP Mato Vizoso celebrou neste curso varios actos ao cumprírense 50 anos da súa inauguración.

Un transporte escolar que se facía en Guitiriz cun Seat 1400 e cun Seat 600

Que os tempos cambian é algo que se percibe, por exemplo, cando Manuel Castro Santamariña, lembra os seus primeiros anos de alumno no grupo escolar de Guitiriz. Estaba instalado no edificio das Escola Habanera, hoxe dedicado a actividades socioculturais, e tiña varias unidades. Había xa un pequeno transporte escolar, no que acudían á vila nenos de barrios da parroquia de San Xoán de Lagostelle. Os vehículos eran un Seat 1400 e un Seat 600, que pertencían a dous taxistas de Guitiriz.

Castro Santamariña marchou despois a Lugo, onde estudou o Bacharelato. Fixo na Coruña a carreira de Maxisterio, tras pensar antes, nalgún momento, en escoller a de Empresariais. A elección deu os seus froitos, pois tivo acceso directo á docencia.