«Empecei no triatlón hai 25 anos, cando case ninguén o facía»

Xosé María Palacios Muruais
Xosé María Palacios VILALBA / LA VOZ

GUITIRIZ

SUSO PENA

O guitiricense Jesús Pumares alégrase de que hoxe se vexa moita xente facendo exercicio, «porque é san»

03 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai deportes que son populares dende non hai moito tempo aínda que hoxe formen parte da vida cotiá e mesmo se practiquen nas escolas municipais. O triatlón é un bo exemplo, e con figuras como Iván Raña e Javier Gómez Noya está a acadar unha atención popular e mediática descoñecida hai poucas décadas. Jesús Pumares sempre foi afeccionado ao deporte; practicou duatlón, e mesmo perfeccionou a súa técnica de natación para comezar no triatlón. Os tempos cambiaron dende os comezos: «Hoxe vese moita xente facendo deporte. Hai case unha certa masificación, o cal me parece ben, porque é san», comenta.

?Por que escolleu o triatlón?

?Un día, estando cun compañeiro na gasolineira de Guitiriz, vimos unha rapaza que viña competir a Rábade. Sentímonos un pouco inquedos. O día da proba achegámonos a Rábade e xa vimos a movida. Facer deporte sempre me gustou. Xoguei ao fútbol, que non ten nada que ver co triatlón, ata que cambiei de deporte. En Guitiriz, sempre houbo moita xente á que lle gustaba o ciclismo de estrada e o practicaba.

?Empezou hai 25 anos. Sente que foi un pioneiro deste deporte?

?Un compañeiro meu, Jesús Fraga, e máis eu fomos dos primeiros. Non había en Guitiriz ninguén que fixese triatlón.

?Daquela o triatlón non estaba tan popularizado. Como reaccionaba a xente cando os vía adestrarse?

?Cando adestrabamos, despois de traballar, iamos por onde había luz. A xente dicía: ‘Están tolos, mira canto corren’. Cando viña o bo tempo, corriamos en bañador. Un día, o dono dun bar no que pasabamos por diante da porta, veunos nunha foto de prensa, e xa lle cambiou o chip: xa comezou a pensar que eramos deportistas.

?Obtíñase algún proveito do triatlón naqueles tempos?

?Gustábame correr e facer deporte. Nos clubes xa che pagaban viaxe e hospedaxe, facilitábanche ese tipo de cousas.

?É Guitiriz un lugar especialmente axeitado para practicar triatlón?

?Buscabamos pistas de terra. Arredor de Guitiriz hai boas zonas. Cando vivía en San Salvador de Parga [parroquia do concello guitiricense], usaba os cortalumes. Tamén na Ruta da Auga hai boas zonas.

?Correr ou andar en bicicleta son

actividades que se practican ao aire libre. Gústalle iso especialmente?

?É algo especial. Ás veces podes atopar, por exemplo, un raposo: non é só facer deporte senón gozar do que ves, da paisaxe... É algo moi acolledor. Ademais, en Guitiriz, o ciclismo sempre se levou na alma da xente. Falouse de facer un clube ciclista, e fíxose coa axuda da Asociación Cultural Xermolos. Estivo aí uns anos; pero todo ten o seu comezo e o seu final, e agora non o hai. En cambio, están os do clube de BTT Cova da Serpe. O bo é a formación da xuventude: os maiores xa imos sós, pero á xuventude hai que ensinarlle, porque co deporte fas sociedade. É unha maneira de sacala das maquiniñas, que están ben pero que tamén poden cansar.

?Se se fai deporte, elíxese tamén unha forma de vida?

?Si. Se se quere competir, hai que esforzarse. É algo complexo, pero por suposto paga a pena.