O Cason en Guitiriz, 30 anos atrás

alfonso blanco torrado EN PRIMEIRA PERSOA

GUITIRIZ

Foto Suso

15 dic 2017 . Actualizado a las 20:37 h.

Sen dúbida, foi o cantor e descubridor da Terra Chá, o poeta Manuel María, o que mellor definiu a miña presenza nesta comarca: «árbore pondaliana, enxertada na Terra Chá longal e ben amada», porque foi a miña identificación con Bergantiños e a Costa da Morte na miña crianza a que me permitiu anos despois coñecer a Chaira e medila ao xeito do seu bardo con «ferrados de corazón, fanegas de alma», porque querer e coidar as paisaxes é valorarnos a nós mesmos. É sentindo o fungar «dos rumorosos na costa verdescente» ao pé dos piñeiros de Tella, ao compás do Himno Galego de Pondal, que fun asimilando esta Galiza de comarcas e rexións.

Non só fixemos viaxes con Manuel María a Carballo, Ponteceso, a celebrar a Festa das Letras no berce de Pondal... Tamén establecemos contactos que se alongan hoxe con asociacións bergantiñáns, e asemade a Asociación Xermolos de Guitiriz dende comezos dos oitenta foi saboreando os segredos desta costa con campamentos na ría de Corme e Laxe, en Lira de Carnota, en Fisterra... Unha amizade sen fendas que non fai máis ca medrar.

Pero endexamais estas duas comarcas tan definidas, estiveron tan unidas como fai hoxe, 10 de decembro, trinta anos.

É verdade que as desgracias unen, e naqueles días o Cason converteuse nunha turbulencia expansiva dende Fisterra ata Guitiriz... Coma se se tratase dunha serpe velenosa, unha caravana de camións ateigados cos bidóns que non estouparan no mar serpenteaba cara as terras de Parga, pero si a cobra da Serra da Cova da Serpe que separa as provincias de Lugo e Coruña, segundo a lenda, buscou un río para beber, ata esgotar a súa auga, porén o nome de río Seco, esta outra cobra ameazaba con facer un furado para soterrar a súa carga tóxica. Naquela escuridade os seus bufidos ou silbidos non facían máis ca aterrecer á poboación.

O cheiro a zufre que avanzaba con máis velocidade cos camións foi contaminando as terras de Parga e Guitiriz de tal xeito que aquela treboada de desinformación e intoxicación pola banda das administracións gubernamentais provocou tal estampida que todos e todas abandonamos os fogares para erguer o valado máis grande que impidise o paso daquel cargamento.

As veciñanzas chairegas latexaban ao unísono co mesmo pánico que as poboacións da costa que estaban a ser evacuadas. Un medo arrepiante cubría as dúas comarcas unidas nunha mesma teima: liberarse daquel veleno, que no medio de tanto caos foi remarcado coas cores máis negras: cancro, cemiterio nuclear no campamento de Santa Cruz de Parga, sustancias quimicas devastadoras, a lembranza do acontecido en Chernobil dous anos antes...

Naqueles días coma coordinador da revolta de Guitiriz tiven que buscar refuxio e máis luz en persoas sensibles da Costa da Morte: o presidente da Asociación de Veciños de Fisterra, líderes sociais, creadores... cos que me volvín a atopar no xuízo en Lugo onde fomos convocados coma testemuñas contra o despido do comité de empresa de Alúmina Aluminio.

Para min, con raíces en Ponteceso, o Cason e o Prestige, foron as mareas máis crispadas mesmo provocandome as bagoas de salitre máis ferintes da miña vida. Esta xornada do 10 é o Día dos Dereitos Humanos e estaban tanto na Costa da Morte coma en Guitiriz a privarnos do dereito á saúde das criaturas e da natureza. Foron uns días moi bravos, de vida ou morte para a veciñanza porque o cheiro e as caveiras dos bidóns presaxiaban o peor.

 David e Goliat

Non foi doada aquela loita, sentíamonos bulrados pola loxística e estratexia das forzas do Estado. Era o enfrontamento entre David e Goliat, e así na noite máis escura cercaron a nosa vixilancia e confrontación, abrindo paso aos camións. As forzas foron desfacéndose dos atrincheramentos dos veciños: tractores, coches, madeira, árbores, etcétera, que impedían o paso pola estrada e pola ponte que ía ao campamento, na foto, pero tamén nos viron os dentes e palparon a nosa decisión de que os camións non ían seguir alí. Despois veu a desfeita de Alúmina Aluminio. Non só demos un exemplo de querencia polo máis noso, aprendemos a xestionar un conflicto dende o comunal, unindo varias sensibilidades naquel proxecto común: a saúde da nosa contorna, sen facer caso aos guiños dalgún mandatario que prometía que aquel enterro era temporal. A nosa resistencia só acougou cando liberaron aos detidos e os bidóns volveron á súa procedencia.

«Foron uns días moi bravos, de vida ou morte para a veciñanza porque o cheiro presaxiaba o peor»