Xermolos, fogar da cultura

Xosé A. Cascudo

GUITIRIZ

15 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Non resulta doado cuantificar a pegada da cultura nas nosas vidas. Poñamos a modo de exemplo un caso de actualidade, a loita por recuperar a casa de Díaz Castro das ruínas. Que beneficios nos reporta esta obra?

Se o analizamos con parámetros materiais sería apenas a restauración dunha máis entre os milleiros de casas de aldeas abandonadas que existen en Galicia. Pero se valoramos aspectos simbólicos e morais atopámonos ante a recuperación da esencia dun tempo que marcou aos nosos de xeito indeleble, e polo tanto a nós mesmos.

O xesto de salvala cobra un sentido fundamental, o de pertenza a unhas coordenadas emocionais concretas; estamos a falar de identidade, das «chousas íntimas» que diría o poeta.

Detrás deste intento por prolongar o derradeiro alento da casa do Vilariño atópase a asociación cultural Xermolos de Guitiriz, esa patria do intanxible fundada hai catro décadas por Alfonso Blanco.

Nun tempo crepuscular no que a lingua galega apenas é empregada máis aló do seu uso litúrxico na escola, nos medios de comunicación e nas institucións, Xermolos converteuse en depositario da cultura popular, e segue mantendo a súa vixencia ante as incertezas que nos depara o futuro. Porque Xermolos achega dignidade, e onde hai dignidade sempre hai esperanza.