Unha semente de 40 anos en Guitiriz

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS GUITIRIZ / LA VOZ

GUITIRIZ

FOTO SUSO

A asociación Xermolos principiou o seu traballo social e cultural tras superar atrancos para a súa legalización

15 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Febreiro de 1977 foi un bo mes para a Asociación Cultural Xermolos. Acadou a legalización, que non resultou tan doada como hoxe se podería imaxinar. Na vila existía un Centro de Iniciativas Turísticas, e a administración coidaba que xa era abonda oferta social. O apoio de Celestino Fernández de la Vega, que é coñecido como ensaísta e como protagonista da vida cultural do Lugo de hai décadas pero que era funcionario de profesión, foi importante. Así o lembra Alfonso Blanco, que daquela foi decisivo para que xurdise Xermolos como hoxe o é para que siga a desenvolver actividade.

 PRIMEIROS TRABALLOS

Actos nas parrroquias. Blanco lembra que chegara a Guitiriz en 1976 co traballo coa mocidade como tarefa a desenvolver. A xuventude sempre tivo presenza nas actividades de Xermolos, aínda que o seu traballo se dirixiu a toda a sociedade dende o primeiro momento. As xestións da asociación valeron para que parroquias como Os Vilares, Buriz ou Mariz chegasen a ter Preescolar na casa. En colaboración con Auxilia Lugo fíxose un censo de persoas con discapacidade: conseguíronse cadeiras de rodas para algunhas persoas, e mesmo se montou un quiosco, que funcionou no Curro Vello.

REIVINDICACIÓNS

Protestas pola pouca potencia eléctrica. A escola de San Salvador de Parga acolleu reunións nas que se planteaban problemas da zona rural. Nun momento no que comezaba a modernización de explotacións gandeiras, había labregos que se queixaban do mal servizo eléctico. Falouse cun notario, que avaliou a potencia eléctrica, o cal serviu para comprobar a base real das críticas lanzadas a Fenosa: «Fixéronnos caso; cambiouse o tendido con máis potencia», lembra Blanco.

  OS LIBROS, PRESENTES

Unha biblioteca na Casa do Concello. O Concello, sendo alcalde Gonzalo Villares, cedeulle a Xermolos un local na consistorio. O primeiro fondo bibliográfico formouse con libros achegados polos promotores da asociación: «Eran libros que queriamos compartir», afirma Blanco. A biblioteca cambiou de ubicación, aínda que hoxe, na Rúa do Concello, non está moi lonxe da primeira. Si cambiou o número de volumes, pois entre a biblioteca e a Casa das Palabras, inaugurada a pasada década, o fondo anda arredor dos 10.000 volumes, e aínda recibe achegas que o amplían: por exemplo, a familia de Bernardo García Cendán fixo, hai varias semanas, unha importante doazón de libros que pertenceron ao falecido profesor e sociólogo vilalbés.

 MÚSICA

O festival, realidade en 1980. Xermolos axiña organizou, en Ortigueira, campamentos de verán, que permitiron contactar coa Escola de Gaitas desa vila e coñecer de preto o Festival do Mundo Celta, que daquela vivía as primeiras edicións. Xurdiu así o desexo de organizar un festival en Guitiriz, aínda que asemade apareceron tamén as voces que salientaban a dificultade de emprender esa iniciativa. Blanco lembra que el apostou por tentar organizalo. A primeira edición do Festival de Pardiñas celebrouse en agosto de 1980: Saraibas ou María Manuela foron algúns dos nomes do cartel, aínda que a mostra de artesanía e a de instrumentos tamén se converteron en partes xa imprescindibles do programa. O festival foi declarado pola Xunta festa de intere turístico no 2008.

  CULTURA E FESTA

Os Reis e o antroido, na rúa. Guitiriz tivera cabalgata de Reis, pero perdérase; o antroido, aínda que pervivía en zonas rurais, non tiña na rúa as celebracións que acadaba nos locais de ocio. Tentouse que as festas se vivisen na rúa, de xeito que se recuperou a cabalgata e se organizou un desfile de antroido. Blanco comenta, con bo humor, que algúns nenos o coñecen como «o amigo dos Reis», en alusión aos actos do 5 de xaneiro.

  NOVAS TECNOLOXÍAS

O audiovisual e as redes sociais, soportes necesarios. En semanas pasadas rodáronse dous spots para espallar a necesidade de acadar fondos para a restauración da casa natal do poeta Xosé María Díaz Castro, situada no barrio do Vilariño (Os Vilares) e hoxe propiedade de Xermolos, que tenta darlle un uso social e cultural, aberto a toda a comarca chairega, ao inmoble. O material estase a espallar polas redes sociais, canles imprescindibles para acadar protagonismo. «Cada xeración ten un xeito distinto e diferente», di Blanco sobre o emprego de novos soportes.