Novos esforzos en Guitiriz para recuperar a casa de Díaz Castro

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS VILALBA / LA VOZ

GUITIRIZ

Dous «spots» e achegas a Xermolos que se farán no concurso de tapas axudan ao proxecto

01 mar 2017 . Actualizado a las 22:11 h.

A memoria de Xosé María Díaz Castro (1914-1990) está aínda presente en Guitiriz, onde pasou a nenez e os derradeiros anos da súa vida. Acontecementos recentes axudaron a manter aínda máis forte esa lembranza: no 2014 celebráronse actos polo centenario do nacemento e pola designación como protagonista do Día das Letras Galegas; a súa figura ten inspirado documentais como «O instante eterno», do guitiricense Xosé Antón Cascudo; no instituto, que leva o seu nome, téñense desenvolvido inicativas, dende proxectos audiovisuais ata percorridos polo concello, que se basean no autor de «Nimbos»...

Ao que hai de forza nese recordo estáselle a engadir o entusiasmo para conservar algo que ten que ver coa memoria do poeta e que o paso do tempo ameaza con tirar abaixo. A casa natal do poeta, situado no barrio do Vilariño (Os Vilares), xera unha ampla campaña de apoio na procura de fondos para a súa restauración. O inmoble pertence á Asociación Cultural Xermolos, que o recibiu, a pasada década, por disposición testamentaria de Serafín Díaz Castro, irmán do poeta.

Dous spots cuxa rodaxe rematou esta pasada fin de semana e que comezarán a proxectarse en vindeiras datas poñerán a mensaxe en pantallas de todo tipo. Bruno Pena, un dos responsables, explica que non se estrearán só para que os espectadores os vexan, senón que tan importante ou máis é o interese que se cree nas redes sociais.

A duración é semellante, arredor de 50 segundos en cada un. O concepto e a presentación, porén, son distintos: nun reflíctense oficios tradicionais -un ferreiro, un zoqueiro, unha cultivadora de grelos...-, mentres que no outro aparecen veciños do concello. Bruno Pena comenta que ambos os dous anuncios son distintos e que se quixo salientar a implicación da veciñanza na iniciativa.

Esa implicación tamén se notará no concurso de tapas, que ten lugar este mes. Por cada tapa que se sirva, a asociación de hostaleiros, organizadora da iniciativa, achegará a Xermolos cinco céntimos como colaboración no proxecto. Pola súa banda, a asociación propietaria do inmoble ten exposto as súas intencións a diversas institucións; os contactos más recentes fixéronse co Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) da Terra Chá e con Concello. Unha actuación urxente, que evitaría os problemas no tellado e afortalaría as paredes, supoñería un custe duns 40.000 euros, mentres que uns traballos máis amplos requerirían un investimento duns 200.000.

O coordinador de Xermolos, Alfonso Blanco, afirmou onte que atopara boa vontade nas conversas mantidas, e engadiu que o importante non era só restaurar o edificio senón darlle usos que o convertan nunha «casa de todos e para todos», aberta a toda a comarca.