A poesía instálase en Guitiriz

GUITIRIZ

PALACIOS

A entrega do primeiro premio Díaz Castro abre uns días de homenaxe ao autor de «Nimbos» e a Manuel María

08 sep 2016 . Actualizado a las 13:36 h.

A poesía semella sentirse a gusto en Guitiriz, onde non faltan actos que lle dan protagonismo. Onte pola tarde, na Escola Habanera, presentouse a obra «Máscaras de espellos», gañadora da primeira edición do premio Díaz Castro, convocado polo Concello e destinado a manter viva a memoria do autor de Nimbos.

O gañador, Alfredo Gómez Pato, desprazouse a Guitiriz para asistir á presentación. O profesor e crítico literario Armando Requeixo (estudoso da obra de Díaz Castro); o coordenador da Asociación Cultural Xermolos, Alfonso Blanco; o editor Miguel Anxo Fernán Vello, o poeta gañador desta primeira edición e a alcaldesa, Regina Polín, participaron no acto de onte, que supuxo o comezo doutras actividades vencelladas coa literatura en Guitiriz.

O sábado, tamén na Escola Habanera, haberá un acto no que serán lembrados Manuel María e Díaz Castro, que se coñeceron en Guitiriz nos derradeiros anos deste. Comezará ás oito da tarde, e contará coa presenza de Raúl Río e dos críticos Mercedes Queixas e Armando Requeixo. O sábado 10, nos Vilares, haberá un recital poético.