As fachas de palabras aínda aluman con forza en Guitiriz

Xosé María Palacios Muruais
xosé maría palacios VILALBA / LA VOZ

GUITIRIZ

Suso Pena

A figura do autor que foi homenaxeado no Día das Letras Galegas 2014 segue viva e xerou un conxunto de variadas iniciativas

08 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

«Poeta ou non, eu cantarei as cousas/ que na soleira de min mesmo agardan./ Alumarei con fachas de palabras,/ ancho herdo meu,/ o mundo que me deron». O poema Coma brasas, un dos primeiros de Nimbos, semella case unha declaración de intencións que vai máis alá do literario. Pero se o mundo chairego, poucas veces citado por Xosé María Díaz Castro (1914-1990)de xeito explícito pero intuído e observado nos seus versos, gañou luz coa súa obra, pódese observar que as fachas de palabras empregadas polo poeta seguen acesas e cumprindo o seu labor.

O centenario do nacemento e o Día das Letras Galegas converteron ao poeta dos Vilares nun dos personaxes do 2014 dende o punto de vista cultura. Porén, a gloria non resultou efémera, xa que organismos e asociacións de Guitiriz seguen a organizar actividades nas que Díaz Castro é o piar insubstituíble.

 

Premio

O Concello creou un premio de poesía co nome do autor de Nimbos. A obra Máscaras de espellos, de Raúl Gomez Pato, foi a gañadora da primeira edición. O gañador premio, que inclúe 2.000 euros en metálico, anunciouse en febreiro, mes no que naceu o poeta. Por outra banda, a exposición «Nimbos de luz», que se inaugurou no 2014 2014 percorre a vida e a obra de Díaz Castro, instalouse en varias parroquias de Guitiriz nos últimos tempos.

 

Visitas e charlas

O instituto, que leva o nome do poeta, foi premiado pola Fundación Barrié, hai varios anos, polo proxecto As pegadas de Díaz Castro, que incluía un roteiro interactivo por lugares vencellados co poeta. Excursións nas que alumnos de colexios e institutos de vilas de toda Galicia percorren Os Vilares e o casco urbano, recibindo explicacións sobre o autor e o seu tempo e participando en xogos, sucedéronse neste curso. A directora do centro, Olga Aguiar, salienta a implicación dos alumnos, e prevé que se manteña o vindeiro ano.

A Asociación Cultural Xermolos garda, na Casa das Palabras, un amplo fondo documental de Díaz Castro, e o coordenador, Alfonso Blanco, segue a participar en actos nos que a figura do poeta é o eixe: este curso, por exemplo, deu unha charla en Sobrado dos Monxes.