A Fortaleza de San Paio de Narla, escenario dun desfile de traxes tradicionais a partir da obra de Castelao

FRIOL












Máis de 30 traxes inspirados nos debuxos do escritor e pintor conformaron a mostra de Sete Espadelas. «Igual que Dior ou Versace fan as súas pasarelas en palacios ou museos como o Louvre, nós queríamos facelo co traxe tradicional», explican dende a asociación
08 jun 2025 . Actualizado a las 19:45 h.A Fortaleza de San Paio de Narla de Xiá (Friol) foi escenario este sábado dunha pasarela única. Traxes tradicionais reproducidos con moito coidado a partir das obras de Castelao convertéronse nos protagonistas da mostra Aldeáns: Pasarela de traxes tradicionais da man da Asociación Etnográfica Sete Espadelas, enmarcada no programa da Rede Museística Provincial de Lugo polo Día Internacional dos Museos.
Na proposta, que se desenvolveu en dous pases e que estaba prevista para o 18 de maio pero que tivo que adiarse por mor do temporal, lucíronse máis de 30 traxes inspirados nas pinturas e debuxos do célebre escritor. Partiron de obras como Os vellos non deben namorarse ou dos seus gravados de cegos e romarías cos que pretendían facer unha homenaxe viva ó pobo galego e á súa memoria, recoñecendo o valor da cultura popular e da identidae colectiva con motivo do Ano Castelao 2025.
«Intentamos ser bastante rigorosos con respecto ao que pintaron, aínda que hai artistas moito máis realistas como Fernando Álvarez de Sotomayor e outros como Castelao, que pintou máis tarde, e algúns dos seus cadros certos detalles non se ven moi ben», explica David Quiñones, presidente de Sete Espadelas.
Refírese a obras como Bosquexo para ballet galego no que «pintou catro bailaríns e onde se ve o traxe cos refaixos das mulleres, pero logo hainos menos detallados, onde ves unha saia amarela pero non sabes exactamente como é». Así que o seu traballo parte dun estudo pormenorizado das vestimentas tradicionais.
No 2017, o colectivo inaugurou Cosidos en papel pintados con agulla a partir da reprodución das pinturas costumistas de Carlos Sobrino ou Sotomayor que estaban no Museo de Pontevedra. «Para reproducir os traxes, ademais de pezas mestras antigas que atopamos, tiramos sempre da fotografía de pintores da época».
Enxalzar o traxe galego
Dous anos despois impulsaron a primeira pasarela de traxes tradicionais na Deputación de Pontevedra, que chegaría ata o Teatro Colón e a Casa de Rosalía. «Igual que Dior ou Versace fan esas pasarelas en palacios ou museos como o Louvre, nós queríamos facer iso co traxe tradicional, que pode estar nun desfile como a alta costura»
Pero a de Friol é a primeira na provincia luguesa, onde organizaron mostras sobre a vestimenta na época de Ruth Matilda Anderson ou as que retratou o lingüista alemán Walter Ebeling, que aínda pode verse na fortaleza, no Museo Provincial e no pazo de Tor. «Agora volve estar de moda todo o tradicional, a música ou as pandeiretas, pero quizás o traxe segue un pouco agochado, así que tamén o facemos por iso», agrega Quiñones.