O libro que recolle toda a información sobre os cruceiros de Friol

FRIOL

Cruceiro e lavadoiro en San Xiao de Friol
Cruceiro e lavadoiro en San Xiao de Friol OSCAR CELA

O historiador Fernando Arribas, coa colaboración dos alumnos do colexio Doutor López Suárez, fixeron un estudo que recolle este patrimonio do municipio

11 dic 2022 . Actualizado a las 16:48 h.

O que arrincou no 2019 cun traballo do historiador Fernando Arribas, coa colaboración da mestra Pilar Racamonde e dos alumnos do CPI Doutor López Suárez de Friol, acabou converténdose agora nun volume editado polo Concello que recolle os cruceiros, cruces, viacrucis e esmoleiros do municipio lucense.

Todo xurdiu na Semana Santa do 2019 cunha charla que ofreceu Arribas aos cativos, aos que animou a investigar as historias e lendas que agochaban as cruces das aldeas onde vivían, preguntando aos seus familiares datos que puideran aportar información.

Contan cun código QR de localización

Grazas a ese inxente traballo escolar e ao pateo polo municipio feito por Arribas, unido ao rastrexo en arquivos, acaba de editarse un volume que recolle con minuciosidade todos este rico patrimonio, aportando datos históricos e artísticos sobre os mesmos. Pero ademais conta cun extra que lle engade valor: cada cruceiro leva un código QR que dirixe ao lector ao Google Maps para que poda localizalo no caso de que o queira visitar en persoa.

Arribas valora a edición (con maquetación de Cristina Disco) e a sensibilidade do Concello de Friol por apoiar unha investigación deste tipo e espera que sirva para poñer en valor o rico patrimonio do municipio e que se teña en conta para redactar un plan directo que permita recuperar aqueles cruceiros que están en peor estado de conservación.