Xerardo Quintiá: «Hoxe é máis difícil publicar en galego que hai vinte anos»

Lucía Blanco LUGO/ LA VOZ

FRIOL

O poeta Xerardo Quintián conta cunha vintena de obras publicadas.
O poeta Xerardo Quintián conta cunha vintena de obras publicadas. ALBERTO LÓPEZ

O escritor, natural de Friol, conta cunha traxectoria de máis de dúas décadas en poesía e narrativa

18 may 2022 . Actualizado a las 21:57 h.

 Xerardo Quintiá comezou a escribir con apenas 14 anos, unha afición que acabou por converterse «nunha maneira de entender a vida e de explicar o que acontece ao meu carón». O seu primeiro contacto coa escrita foi en castelán, que marcou as súas primeiras publicacións, porén, tras un «xiro de conciencia con respecto ao idioma e á cultura propia», conta, o galego pasou a ser lingua de toda a súa obra.

A poesía, a narrativa e a literatura infantil e xuvenil son os xéneros que marcan a traxectoria deste escritor, natural de Friol, que se sente «máis poeta ca narrador», subliña. A poesía, que para el supón «unha necesidade», foi precisamente o xénero que lle abriu camiño no mundo editorial. A Galicia tradicional e o rural estaban presentes no seu primeiro libro, Finísimo po nas ás, unhas temáticas que son recorrentes no seu mundo literario. Nel tamén teñen pegada sentimentos universais como o amor, a soidade e a amizade que adquiren «un ton de autoficción» ao trasladar as súas propias vivencias.

Igualdade e violencia de xénero, entre as súas temáticas

Mentres a súa voz poética, coa que mostra «a miña maneira de estar no mundo», destaca por polo seu carácter íntimo, o discurso da súa literatura para nenos caracterízase polo humor e a retranca. Non obstante, o emprego destes recursos non o limita nos asuntos que aborda. A violencia de xénero e a igualdade son algunhas das cuestións que traslada aos primeiros lectores, unha tarefa que non é nada sinxela «polas propias limitacións en canto á espazo e polo tipo de sintaxe», explica o autor.

Coma moitos outros amantes das letras, compaxina o que el considera «a faceta vocacional do escritor» coa faceta laboral. De feito, recoñece que lle «rouba» tempo ao seu traballo como axente comercial para poder adicarse á escrita. Aínda que o seu labor como poeta «está lonxe de ser a miña profesión», un obxectivo que mantén a día de hoxe, segue producindo para un sector no que o máis difícil é «ter resposta por parte das editoriais e seguir publicando», concreta.

Falta de visibilidade para a literatura galega

A pesar de que dende a comunidade se produce unha escrita «de alta calidade, sobre todo, de poesía», a literatura galega «ten moita menos visibilidade ca que se fai en castelán», denuncia. Unhas circunstancias que lle afectan dobremente xa que se expresa a través dun xénero «minoritario como é a poesía e dun idioma que tamén o é», engade. Estas dificultades acrecéntase na sociedade actual na que se reduciu o número de obras editadas na nosa comunidade, polo que na actualidade «é máis difícil publicar en galego que hai vinte anos», conclúe.

Ao longo dos seus máis de vinte anos no mundo editorial, os seus referentes foron mudando, xa que entende a literatura coma unha evolución, polo que sempre procura deixarse empapar «por lecturas que me abran camiños novos». Aínda que intenta avanzar no seu discurso, os grandes literatos como Inger Christensen ou Constantino Cavafis e figuras destacadas da nosa cultura como Manuel Antonio e Uxío Novoneyra seguen presentes nos seus versos. Precisamente, a influencia de autores galegos e foráneos conflúe nunha das súas últimas publicacións. En Obra inacabada de Dosinda Christensen, Quintiá ponse na pel dunha protagonista feminina, que leva o nome da súa avoa, a través da que reflicte «unha simbiose entre o propio e o alleo».

Grazas a este poemario, o escritor obtivo o Premio de poesía do Concello de Vilalba no 2020, un dos máis destacados no panorama galego. Este recoñecemento sumouse a unha serie de galardóns que confirman a calidade dos seus textos e que poñen en valor a súa traxectoria. Non obstante, para Xerardo, «ter publicado a obra que teño publicado» é o máis importante da súa carreira. Unha carreira que non considerada rematada, xa que espera seguir transmitindo a súa forma de ver a realidade e de «entenderme a min mesmo» a través da súa literatura.