Licitadas as obras da estrada entre Friol e Palas de Rei

A Xunta xa ten en marcha o proceso de expropiación de 222 fincas afectadas

O delegado da Xunta cos alcaldes de Friol, Begonte, Palas e a presidenta do PP, Elena Candia
O delegado da Xunta cos alcaldes de Friol, Begonte, Palas e a presidenta do PP, Elena Candia

lugo

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licitou este martes a primeira fase das obras de mellora da estrada autonómica LU-231, entre Friol e Palas de Rei, que suporán un investimento de 3 millóns de euros. 

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou a zona de actuación acompañado polos alcaldes de Friol, José Ángel Santos; Palas de Rei, Pablo Taboada, e Begonte, José Ulla. Explicou que a consellería xa traballa no proxecto construtivo da segunda fase, que completará o arranxo da estrada grazas a un investimento global de arredor de 6 millóns de euros. 

A Plataforma de Contratos Públicos da Xunta publicou a licitación da primeira fase das actuacións por importe de 2,6 millóns de euros. Tamén licita o contrato de asistencia técnica á dirección para o control e vixilancia, incluído a coordinación da seguridade e saúde da obra, cun orzamento de 189.400 euros. O investimento elévase ata os preto de 3 millóns tendo en conta as expropiacións das fincas necesarias para acometer o acondicionamento da vía.

As empresas interesadas teñen de prazo ata o  5 de abril para presentar as súas ofertas. Esta primeira intervención executarase dende o comezo da vía na travesía de Friol ata o acceso a Castrelo, en Palas de Rei. Suman 9,4 quilómetros -practicamente a metade la lonxitude total- que discorren polo concello de Friol salvo os últimos 500 metros. A actuación conta cun prazo de execución de 12 meses. 

O proxecto inclúe a ampliación da plataforma e outras melloras como a corrección do trazado nalgúns puntos, suavizando as curvas de menor radio. A sección da estrada ten actualmente un ancho aproximado de cinco metros, polo que os carrís son estreitos e non contan con beiravías. Esta sección ampliarase ata os oito metros, con dous carrís de 3,5 metros de ancho cada un e beiravías de 0,5 metros, salvo na zona con máis edificacións. 

A consellería ten en marcha o proceso expropiatorio, e neste momento estase realizando o traballo de campo para proximamente citar aos propietarios e levar a cabo o levantamento das actas. O decreto de utilidade pública comprende as expropiacións de 222 fincas, cun orzamento duns 175.000 euros.

Paralelamente, avanza na segunda fase da intervención; o proxecto construtivo xa está redactado e en fase de supervisión técnica. A estrada LU-231 ten aproximadamente 18,7 quilómetros e forma parte do eixo vertebrador das comunicacións norte-sur a través das autovías: A A-54 (Lugo-Santiago) no enlace de Palas de Rei, e a A-6 (Lugo-A Coruña) no de Begonte, nun punto moi próximo tamén á conexión coa Autovía do Cantábrico A-8. 

O último treito entre Friol e Begonte discorre pola estrada LU-P-1611. Cabe salientar que no marco destas obras tamén se mellorará o cruce do punto quilométrico 2+100 entre a LU-231 e esta vía provincial, que no outro sentido conecta con Guntín

Este eixo viario suporá a mellora da competitividade para a produción do sector primario e a industria desta contorna da provincia de Lugo.

 

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Licitadas as obras da estrada entre Friol e Palas de Rei