«Non pensaba ser gandeiro. Tiven un taxi, pero gústanme máis as vacas ca o taxi»

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS LUGO / LA VOZ

FRIOL

Carlos Ascariz di que se sente a gusto no traballo que fai agora
Carlos Ascariz di que se sente a gusto no traballo que fai agora Carlos Castro

Carlos Ascariz traballa agora na explotación gandeira familiar, na parroquia de Xiá (Friol) 

27 sep 2020 . Actualizado a las 17:07 h.

Carlos Ascariz ten 31 anos. Vive na parroquia de Xiá (Friol), e incorporouse á actividade gandeira o ano pasado. Traballa na explotación familiar, de gando vacún de leite, con 80 vacas.

—Por que decidiu incorporarse ao campo?

—O campo sempre me tirou, sempre axudei a meus pais. Ao xubilarse miña nai, dei ese paso.

—Gústalle o traballo? Afaise a esta vida?

—Gústame. Ao final, aquí ves algo que fas ti, ves como medran os animais... É unha satisfacción.

—Causoulle sorpresa o traballo diario ou é como xa supoñía pola experiencia que tiña?

—Xa coñecía isto. Tes que estar aquí, case dispoñible as 24 horas do dí. Pero se che gusta e é algo polo que pelexas, non é tan difícil. O peor deste traballo son as campañs: a recollida do millo, a recollida da herba... É o que dá máis traballo. Tes que estar suxeito, pero tamén tes unhas horas libres durante o día. O campo non é tan escravo coma antes: hai maquinaria, non se traballa a man.

—Pensaba antes, nalgún momento, que sería gandeiro?

—Cando era rapaz, non. Pero sempre me gustou isto.

—Se tivese que elixir entre o taxi e as vacas...

—Tiven o taxi, pero gústanme máis as vacas ca o taxi.

—Aconsellaría a outros que tamén se incorporasen?

—Si. Se todos imos á cidade, o campo queda abandonado, e é un sitio importante. Falamos do sector primario, do que todo o mundo depende. Se che pagan o produto como debe ser, obtés un beneficio e é algo que está ben.