«Se a cabeza chega, o corpo vai diante»

Ana L. cillero / X. M. P. LUGO / LA VOZ

FRIOL

Carlos Castro

Rogelio Racamonde, de Friol, fíxolle unha promesa ao apóstolo Santiago e cumpriuna andando a Compostela

07 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Pode que moitas persoas consideren o Camiño de Santiago como unha experiencia moi dura e moi difícil de soportar, pero iso, coma todo, vai nos gustos de cada un. Depende das afeccións e, neste caso, tamén inflúe se se trata dunha promesa.

Rogelio Racamonde Vigo (Friol, 1965) é un traballador do sector da hostalaría que realizou o Camiño de Santiago como o fai calquera outra persoa. «A primeira vez fíxeno en tres veces: primeiro andei 60 quilómetros; logo, 50, e por último, 55», explica Rogelio Racamonde, facendo fincapé en que ten unha profesión que lle permite ter unha boa condición para facer estes traxectos. Unha vez chegou, prometeulle ao apóstolo Santiago que faría de novo o Camiño, pero desta vez dunha sentada, a cambio de que o seu fillo aprobara as oposicións para Garda Civil.

O seu fillo aprobou e Rogelio tivo que cumprir a súa promesa. Andou os 73 quilómetros que hai dende Friol ata Santiago en 13 horas, que se converteron en 16 contando os descansos.

«A miña idea era saír ás seis e media da mañá porque así saía cun pouco de noite, pero despois non dei saído ata as sete e media», comenta este aventureiro entre risas. A xente dicíalle que non se pegara ese tute seguido, que non había pasar nada se o facía por veces, coma da outra vez, pero Rogelio mantívose firme na súa decisión: «Eu prometinllo así ao Apóstolo e así o fixen», dicía. Tiña que chegar no mesmo día.

Da primeira vez que fixo a ruta, saíu dende Pedrafita do Cebreiro e explica que está «moi masificada», polo que desta vez preferiu ir por outros sitios que tiveran fluxos con menos xente. «Fun por Sobrado, Boimorto..., e despois, xa todo pola [estrada] nacional», comentaba. Segundo explicaba, cando estás no Monte do Gozo só che quedan cinco quilómetros por andar, pero nótanse se non estás experimentado. «Eu ando moi rápido, sobre todo os primeiros 50», sinalaba o camiñante. «Se a cabeza chega, o corpo vai diante, hai que ter fondo», incidía Rogelio.

 Preparación

Durante o camiño, Rogelio Racamonde comeu cinco plátanos, cinco peras, medio quilo de bombóns e, sobre todo, tomou oito litros dunha bebida isotónica. O que peor levou foi, conta, a calor, sobre todo a que lle daba a mochila, á que non está acostumado. «Eu levaba cascos e para adiante, cada un ten o seu método», comentaba.

Rogelio Racamonde incide en que volvería facelo, pero sempre por unha promesa e sendo «algo máis suave». Pero, ante todo, un ten que estar ben por dentro.