Documentadas catro novas mámoas que estaban sen catalogar no Concello de Friol

Unhas foron descubertas e outras documentadas desfeitas na parroquia de Nodar

M.C.
Lugo / La Voz

O Colectivo Patrimonio dos Ancares vén de documentar catro novas mámoas sen catalogar no concello de Friol, máis concretamente na parroquia de Nodar, a 600 metros de altitude, entre os lugares de A Aldea de Arriba e Fontes. As súas medidas oscilaban entre os 17 e 26 metros de altitude.

A maior das mámoas descubertas era a de 26 metros e era a única que contaba cun dolmen. Foi atrevesada por unha pista asfaltada duns 5 metros de ancho. «Nas fotos de voo americano dos anos 1956-57 apréciase perfectamente que o camiño bordeaba o enterramento, sen tocalo», explican dende a organización e engaden que «ao pasar por medio a pista, arrancaron os esteos graníticos do dolmen, de considerable tamaño». A pesar disto, o enterramento conserva uns 10 metros do túmulo a cada lado da pista.

Non só foron boas novas. Na mesma parroquia de Nodar, constararon a destrución de dúas mámoas, nas inmediacións da aldea de Vilariño, a 520 metros de altitude. Nese lugar había unha necrópole megalítica formada por cinco mámoas, tres das cales foron arrasadas hai moitos anos e só se conservaban dúas. «Unha delas contaba cun gran dolmen poligonal formado por nove esteos graníticos, inseridos nunha mámoa de 30 metros de diámetro», explica un dos membros do Colectivo, Xabier Moure. Polas ortofotos históricas, sábese que aínda se conservaba no ano 2004 pero no 2005, ao acondicionar o terreo como un pastizal, foi destruído na súa totalidade e perdeuse tanto o túmulo como a cámara funeraria. «Agora xa non queda ningún enterramento deste cemiterio neolítico duns 6000 anos de antigüidade», lamenta Moure.

Dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares lamentan profundamente «o estado de abandono do patrimonio megalítico do concello de Friol, onde se conta con exemplares únicos en Galicia». Dos máis dos 200 enterramentos que se conservan, só un foi protexido recentemente. Atópase no parque empresarial de Friol e dende a organización denuncian que se ten ese estado é porque eles realizaron unha denuncia no ano 2017 pola destrución total dunha mámoa que había nas inmediacións, o que lles supuxo aos «infractores» unha elevada sanción por falta grave. 

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
7 votos
Tags
Comentarios

Documentadas catro novas mámoas que estaban sen catalogar no Concello de Friol