«Un alcalde ten que achegarse aos veciños e ser un máis entre eles»

Xosé María Palacios Muruais
Xosé maría palacios VILALBA / LA VOZ

FRIOL

CEDIDA

José Ángel Santos anuncia que o obxectivo do seu labor municipal é colocar o concello de Friol no lugar que lle corresponde

30 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Gañar con maioría absoluta non é doado, pero tampouco imposible. Gañar cunha maioría absolutísima na que se reúna o 81 % dos votos xa significa falar de palabras maiores. O alcalde de Friol, José Ángel Santos, acadouna o domingo pasado, con dez dos once concelleiros da corporación para o PP e un para o PSOE. Catro anos antes, na primeira convocatoria na que liderou a lista popular, conseguira oito.

-Esperaba un triunfo tan grande?

-Non. Cos resultados que se deron nas xerais intuíase que se podía sacar un concelleiro máis, pero non se pensaba nisto.

-Cal foi, na súa opinión, a clave do resultado?

-O traballo destes catro anos. O equipo de goberno que traballou foi un equipo unido, e a cohesión fixo que o traballo fose mellor. Fixéronse, creo, moitas cousas por Friol. Traballo, humildade, honestidade, esforzo...: o noso propósito é poñer a Friol no sitio que merece.

-Friol é un concello rural, con poboación máis ben espallada. Supón iso un maior esforzo para contactar cos veciños?

-O esforzo é maiúsculo. Somos un concello de 296 quilómetros cadrados, con 281 núcleos de poboación ademais das aldeas illadas. Non é doado chegar aos veciños, pero si se chegou. Hai que falar, escoitar as necesidades e levalas a cabo, ademais de desenvolver os proxectos que ti creas convenientes.

-Foron os resultados do domingo un premio a esa proximidade ou un premio á xestión destes catro anos?

-Tes que achegarte aos veciños, ser un máis entre eles. Unha maioría decidiu premiar a xestión destes catro anos. Vas pola rúa, falas coa xente e explícaslles os teus puntos de vista... Hai tamén unha xestión. Houbo un apoio decidido ao sector empresarial, co polígono, e ao primario, coas axudas ás permutas ou coa bonificación do IBI; pero non se poden esquecer os maiores nin a xuventude. Levando a cabo esas medidas, as necesidades están máis ou menos cubertas. Creo que o domingo pasado os veciños o souberon ver dunha maneira esmagadora, e os resultados así o indicaron.

-De quen é o éxito: seu, do grupo, do partido...?

-É un éxito do equipo que houbo nestes catro anos e do equipo que se presentaba agora. Os veciños viron que era unha candidatura idónea. É un éxito da candidatura anterior e da entrante, pero tamén dos colaboradores: temos un equipo cohesionado, en forma de pirámide, coñecedor das necesidades.

-Vese fóra de Friol, ocupando outro cargo?

-Non. Estou en política por Friol, e a miña prioridade é facelo o mellor posible nestes catro anos, chegar a todos os recunchos do concello con medidas e dar resposta a ese apoio maioritario.

-Tivo unha polémica co conselleiro de Política Social [pediu a súa dimisión en marzo do ano pasado considerando que non atendía as necesidades do municipio]. Volvería facer o mesmo?

-Mentres sexa alcalde, sempre poñerei as necesidades e os intereses de calquera veciño por enriba de calquera sigla. Creo que a xente soubo recoñecer ese labor e sabe que non me treme o pulso diante dun cargo sempre que defenda os intereses do Concello.

-Vese como un exemplo polos resultados que obtivo?

-Non. Cada concello é un mundo. Non son un exemplo para ninguén; tento facelo o mellor posible.

«Se hai poboación, hai movemento económico»

Santos afirma que un dos seus principais obxectivos nestes catro anos será a loita por acadar a chegada de empresas. Explica que se hai apoio ao tecido empresarial poderán crearse postos de traballo, co que iso implica: «Se hai poboación, hai movemento económico», di o alcalde, que tampouco esquece a necesidade de ocuparse da xente nova e da de máis idade. A construción da residencia, engade, terá que ser axiña unha realidade.