«Cando empecei de policía, non había nin pistas para chegar ás casas»

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS VILALBA / LA VOZ

FRIOL

CEDIDA

Manuel Prado, que vén de xubilarse como axente en Friol, agradece a actitude dos veciños, dos que di que tiveron un comportamento que fixo máis doado o seu traballo

02 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Se cadra, na vertixe da sociedade actual, 40 anos seguidos nun mesmo traballo non resultan doados de imaxinar. Manuel Prado, que vén de xubilarse, non necesita imaxinación. Abóndalle con lembrar na súa vida os últimos 40 anos, pois ese foi o tempo que pasou como axente da Policía Local de Friol, na que foi a única persoa do servizo. Recén xubilado, lembra que entrou no corpo o 25 de xaneiro de 1979 aínda que a toma de posesión tivo lugar o 1 de febreiro dese ano. O sábado recibiu unha homenaxe, que agradece.

-Que medios había no Concello de Friol cando vostede comezou a traballar?

-Non había nin pistas para chegar ás casas. Foi daquela cando comezaron a abrirse. Estaba todo da man de Deus.

-Que supón, para a poboación dun municipio coma o de Friol, a presenza dun policía local?

-A xente de aquí é boa; entende as cousas cando llelas explicas; é obediente. Os veciños fan que as cousas funcionen ben; teñen un comportamento exemplar.

-Como chegaba ás casas das parroquias da zona rural cando comezou, sen haber os medios e os servizos de hoxe?

-Comecei indo en bicicleta para facer notificacións de eleccións. Logo, nunha moto Ducati. Despois, en coche: o primeiro foi unha furgoneta Renault Express; despois chegou un Citroën Xsara...

-Aínda é hoxe respectuosa a xente no comportamento cun policía local?

-Segue a selo. Esta non é unha zona conflitiva.

-Por que tomou a decisión de ser policía local?

-Tiven oportunidade. Convocouse a praza; saqueina... Para min foi unha cousa estupenda, non ter que depender de ninguén.

-Que foi o que máis lle gustou do seu traballo?

-Servir aos veciños.

-Que foi o que menos lle gustou?

-Houbo algún caso que foi fastidiado; por exemplo, as incertidumes que se viviron nun caso coma o do Vilariño: estás en tensión, sen saber o que podía pasar. [José Antonio Lamas Suárez, coñecido como O Temible Vilariño e tamén como O Indio, foi condenado por roubar explosivos e por ter voado unha casa con dinamita. Despois de ser posto en liberdade tras varios incendios forestais, estendeuse a alarma polo concello, aínda que despois acabou por marchar da zona].

-Pode quedar sen servizo de policía local un concello coma o de Friol? Como se pode explicar a súa necesidade aos que pensan o contrario?

-Non debera quedar; pero as leis son así e a praza estaba destinada a extinguirse. Un corpo de Policía Local debera ter dous axentes e un mando, pero deixouse estar así.

-Fai falta, entón?

-Sen dúbida. Aínda que só sexa para que te vexan todos os días, xa vale. Vente, pregúntanche... Hai moitas cousas que se controlan.

-Necesítanse máis medios?

-Son dos que pensan que hai traballo para dúas ou tres persoas. O concello é estenso; hai bastantes cousas que controlar.

-En Friol, sen o tráfico dunha vila algo grande ou dunha ciudade, ten posto moitas multas?

-Algunhas sempre se poñen.

-Que lle parece máis útil neses casos, avisar primeiro ou actuar xa directamente?

-Eu son dos que prefire falar coa xente antes de facer ningunha cousa.

Boa relación cos alcaldes que gobernaron Friol estes anos 

En 1979 era alcalde de Friol José María Varela. Logo estiveron á fronte do Concello Julio Varela e Antonio Muíña; o actual presidente da corporación é José Ángel Santos. Con todos eles tivo boa relación, segundo recoñece. «Cada un tivo os seus métodos, pero levouse ben traballar con eles», di.

O que vén agora é unha situación nova, na que aínda que recoñece que botará algo de menos o traballo, pode dedicar o tempo a outras cousas. Prado é moi afeccionado á pesca fluvial, á que agora, admite, poderá dedicar máis tempo.

Convencido de que volvería ter este traballo porque lle gusta

En 1979 non só non había pistas. Manuel Prado lembra que tamén era escaso o alumado público. «Habíao no casco urbano, e para de contar», comenta. A partir de entón -1979 foi o ano das primeiras eleccións municipais democráticas na Transición- produciuse pouco a pouco un cambio, e comezou a instalarse o alumado con subvencións públicas que se daban aos veciños, lembra Prado.

-¿Estaba todo por facer nos concellos naquel 1979?

-Claro. A partir de 1979 empezou un certo desenvolvemento dos concellos.

-Volvería ser policía local?

-Si. Volvería. Gústame o traballo.