«A nosa guía sobre o Pazo de Tor foxe do convencional»

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

FRIOL

ROI FERNÁNDEZ

Fernando Arribas presentou en Monforte a primera obra prática dedicada ao pazo da Rede Museística Provincial

23 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O escritor e investigador lucense Fernando Arribas Arias presentou onte, na primeira xornada da Feira do Libro de Monforte, unha guía ilustrada do museo do pazo de Tor, da que é coautor xunto con Antonio Reigosa Carreiras e a ilustradora Noemí López. A obra, editada pola Deputación, é a primeira dunha serie de guías dedicadas a todos os museos xestionados polo organismo provincial que se irán publicando de forma sucesiva.

-O pazo de Tor foi convertido en museo no 2006, pero ata agora non contou cunha guía.

-Non, esta é a primeira que se edita, e non é novidosa unicamente neste sentido. É unha guía que foxe do convencional e segue un modelo que ata agora, que eu saiba, non se utilizou para dar a coñecer ningún outro museo de Galicia. Buscamos facer unha publicación de doada lectura, reducindo ao mínimo os textos e dándolle primacía á parte gráfica, tanto á fotografía como ás ilustracións. Inspirámonos en certos tipos de guías de viaxe nos que predominan os contidos visuais. A nosa pretensión é que sexa unha obra dun carácter moi didáctico e que poida ser lida en pouco tempo.

-¿Como está estruturada?

-Na guía explicamos a historia do pazo dunha moi resumida, nunhas poucas liñas. Quixemos que a información fose moi rigorosa desde o punto de vista histórico e documental, pero tamén moi concisa. No resto da obra imos visitando unha por unha as diferentes salas do museo, que son 21 en total. Todas estas estancias están descritas principalmente mediante as ilustracións de Noemí López, que ao noso entender fixo un traballo excelente. Nalgúns casos utilizouse unha perspectiva forzada, para reflectir a estancia dunha forma que non é posible na fotografía, como se fose vista desde un dron. En cada sala seleccionamos e comentamos de maneira sucinta unha serie de obxectos representativos da historia do pazo.

-¿Que criterio seguiron para seleccionar eses elementos?

-Esa foi a parte máis difícil do traballo, porque o pazo está repleto de obxectos moi interesantes e non os podíamos incluír todos. Se fixésemos así, a guía tería un volume excesivo e non sería posible darlle o formato cómodo e ameno que buscábamos. A selección dependeu en boa parte do noso criterio persoal e ten por tanto un carácter bastante subxectivo, pero en todo caso procuramos escoller os elementos que consideramos máis singulares e máis significativos para a historia do pazo e a historia de Galicia.

-¿Por exemplo?

-Na guía resaltamos a vaixela de Sargadelos que se exhibe no comedor, que é unha colección dun valor excepcional. Tamén mencionamos un dos exemplares do histórico mapa de Galicia que trazou Domingo Fontán no século XIX e que se conserva nunha das salas. Outro elemento que nos pareceu de moito interese é un sofá do tipo chamado confidente que pode verse nunha sala contigua ao dormitorio. No denominado salón do mediodía sinalamos un pianoforte, un instrumento musical realmente singular. No pazo hai tamén unha obra artística espectacular, un retablo realizado en 1909 polo pintor monfortino José Casanova. Pero aparte dos elementos que destacamos na guía, no pazo de Tor hai moitísimas cousas máis que ver e o que pretendemos é animar aos lectores a que se interesen por coñecelas.

-¿As guías dos outros museos da rede provincial seguirán este mesmo modelo?

-Si, forman parte do mesmo proxecto, os autores serán os mesmos e faranse todas cun criterio moi semellante. Despois da guía do pazo de Tor aparecerá a do Museo Provincial de Lugo e máis adiante as do museo de San Paio de Narla, en Friol, e a do Museo do Mar de Cervo. Contamos con que estean todas publicadas entre este ano e o vindeiro. Esperamos que estas guías axuden a atraer máis visitantes a todos estes museos e que se valoren máis os seus contidos. O formato que eliximos para realizalas ten esa intención, a de contribuír á popularización deste conxunto museístico.

Presentación do primeiro libro dunha nova autora monfortina

A edición número 21 da Feira do Libro de Monforte foi inaugurada onte pola tarde nun acto no que participaron representantes da Federación de Librarías de Galicia, do Concello, da Deputación e da Xunta. O pregón foi pronunciado polo escritor monfortino Lois Diéguez, quen fixo unha apaixonada defensa do libro, da lectura, dos libreiros e da lingua e da literatura galegas, ao tempo que evocou a numerosos autores oriundos do sur lucense e de toda a Ribeira Sacra.

Na segunda xornada da feira será presentado hoxe -ás 20.00 horas- o poemario Ad inferos, o primeiro libro da xove escritora monfortina Mónica Sánchez, quen gañou en dúas ocasións o premio de poesía Xuventude Crea, concedido pola Xunta. A obra foi publicada pola editorial Chan da Pólvora -que a cualifica como «impactante»- e combina poemas literarios e visuais.

Outras obras

O programa de hoxe comprende ademais as presentacións dos libros O cociñeiro Martiño e as cenorias desaparecidas, de Iago López -ás 19.00 horas- e Las islas lejanas, de Francisco Ruiz Aldereguía, ás 21.00. A primeira destas obras diríxese ao público infantil e a segunda é unha novela histórica baseada na vida de José de Quiroga, un fidalgo e militar quirogués do século XVII que foi gobernador colonial das illas Marianas. Ás doce do mediodía, por outro lado, haberá unha actividade de animación para nenos.

Durante todas as xornadas da feira, o recinto estará aberto de 12.00 a 14.00 e de 18.00 a 22.00 horas. Tal como se fixo nas anteriores edicións, a última hora de cada día celebrarase un sorteo de libros entre os clientes que fixeron adquisicións nas casetas das librerías participante ao longo da xornada.