«A filosofía da Deputación debe ser dar recursos ós concellos pero non tutelalos»

Miguel Cabana
miguel cabana LUGO / LA VOZ

FRIOL

Tras a reordenación do goberno da Deputación, Santos analiza o futuro da institución e do partido na provincia

26 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Álvaro Santos Ramos, (Friol, 1980), vicepresidente da Deputación de Lugo ata esta semana, cedeu ese posto a Martínez e será o deputado de goberno interior e relacións institucionais.

-¿Por qué cede a vicepresidencia?

-Simplemente me mantiven á disposición das necesidades da miña organización política.

-¿Cal vai ser o seu papel agora?

-Non moi diferente. Cambia de cara ó exterior. Levarei ás relacións institucionais, pero o traballo seguirá sendo dar solución ás necesidades dos máis de 300.000 veciños da provincia.

-¿Quen vai mandar realmente agora na Deputación?

-Darío Campos.

-E os outros deputados ¿a que se dedicarán?

-A traballar e por en marcha moitos proxectos. Somos a administración que mais inviste en políticas activas de emprego, e de benestar, e aínda se vai intensificar no 2017. Somos a institución que pon en marcha un centro de recría, 14 centros para persoas maiores, que se fai cargo de 4.500 quilómetros de estradas, e intentamos que o turismo sexa unha realidade, e non unha oportunidade.

-¿E cal cre que vai ser o papel de Martínez?

-O de vicepresidente e responsable de levar adiante os proxectos da rede viaria provincial, un elemento vertebrador da provincia que precisa atención permanente, e supoño que lle prestará a mesma atención que nos anteriores mandados, cando mellorou moito o seu estado.

-¿Cando empezaron as negociacións en serio con Martínez?

-O 22 de xuño de 2015, cando o BNG nos anunciou que non apoiaría a súa candidatura.

-¿Qué papel vai xogar o BNG?

-Ten que ter un papel relevante, para que a provincia poida seguir medrando. Debe ser o partido que colabore co goberno para seguir materializando o desenrolo. Eu creo que o presuposto que presenta Darío Campos é imposible de rexeitar. Porque é para todos os concellos e para todas as persoas. Está apoiado en tres piares: infraestruturas, emprego e benestar. É un orzamento feito dende a exemplaridade e honestidade dun político como Campos, que é capaz de aglutinar sensibilidades sen abandonar a súa ideoloxía política.

-Explique que é o Plan Único, que parece que o BNG o terá moi en conta para aprobar o orzamento.

-O plan único son 20 millóns para os concellos da provincia, que se repartirán con criterios obxectivos. Non so se lle vai respectar a autonomía ós concellos, senón que se potencia a súa responsabilidade para cubrir as súas necesidades. Un dos problemas da administración foi a verticalidade: por exemplo, había subvencións que viñan impostas dende arriba para pavillóns. ¿E que alcalde non fai un pavillón ou o que sexa no seu concello se lle dan os cartos so para iso? E así se foron facendo infraestruturas nuns casos necesarias, e noutros non tanto. A filosofía de Campos é a de facilitarlle recursos ós concellos, pero non tutelalos. Porque son maiores de idade e coñecen as necesidades do seu pobo para saber en que investir eses recursos. Haberá que garantir uns mínimos en gastos sociais, por tratarse dun goberno socialista.

-¿Se non readmitían de Martínez, perigaba o goberno da Deputación nas próximas eleccións?

-Eu creo que non. O fin máis importante da readmisión é ter máis forza para desenvolver o programa socialista. É un partido con recursos na provincia e o impacto que puidese ter, non ía decantar os resultados da Deputación de Lugo.

-Pasa o partido socialista por unha falta de líderes neste momento na provincia. ¿Dará vostede un paso adiante?

-Terían que decidilo os compañeiros, se eu decidise dar ese paso. Pero esa suposición está aínda aló por detrás de moitos outeiros, como se di no me pobo. Cada cousa ao seu tempo. O partido na provincia, independentemente da situación orgánica, goberna o 80% da poboación, e temos un gran capital humano nos compañeiros que gobernamos ou facemos oposición. O partido pode afrontar estes novos tempos.

-¿Qué lle falta á provincia para despegar e desenrolarse?

-Desprenderse de complexos. Non acabamos de crer na capacidade que temos. Fomos unha provincia con gran capacidade de esforzo e sacrificio no pasado pero o éxodo rural deixou moitos pobos baleiros. Basta lembrar a Rosalía, «as viúvas de mortos e de vivos». Lugo viu escapar a súa forza de traballo. Desde a época máis caciquil da boina, ata a de Fraga e de Cacharro, convencéronnos de que non eramos tan bos como os das grandes cidades. Pero agora Lugo liberouse, e ten que tomar consciencia do que valemos. Pero é difícil despegar cando leva máis tempo chegar a Madrid dende Lugo que dende Coruña. Algo está pasando.

-Vostedes tamén tiveron ministros para arranxar iso.

E notouse. Non poderíamos falar da A-6 e da A-8 e da autovía a Santiago, e da nova ponte de Lugo sen o partido socialista. Pero seguimos sendo unha cidade e provincia discriminada.

-¿Que lle pediría ó grupo do PP na Deputación?

-Ser honestos. Facer o que predican. Pedirlle o mesmo a Feijoo que a Darío Campos.

-¿Vese sempre en política?

-Non.

-¿Qué outra profesión lle gustaría se puidese escoller?

-A de pastor.

-Agora pouco rendible.

Unha persoa necesita pouco para vivir. Nin sequera ser un gran pastor, senón un que conviva en relación simbiótica cos seus animais e coa terra, que poida levantarse e ver como se comportan eses animais, e ao tempo que os coida, eles o sustentan; e poder ler, pensar e observar a natureza, que o ten todo ben encaixado sen discusión.

«Campos é capaz de aglutinar sensibilidades sen abandonar a súa ideoloxía política»