«Son necesarias as batidas porque hai superpoboación de lobos»

Recorda que aumentaron os ataques a gando e mesmo houbo cans entre as vítimas, polo que pide que se tomen medidas


LUGO / LA VOZ

Francisco López Penela, presidente da Federación Galega de Caza en Lugo, é claro á hora de falar da situación do lobo na provincia: «Eu son un firme defensor do lobo e non quero que desapareza, pero a poboación ten que estar equilibrada e, nestes momentos, non o está».

-¿Aumentou a poboación de lobos na provincia?

-Moitísimo. Son necesarias as batidas porque hai superpoboación de lobos, aínda que non dispoñemos de datos exactos. Hai unha década, falábase dun millar de lobos na provincia. Pero desde entón, os ataques a gando aumentaron moito. Dino as cifras oficiais, ás que hai que engadir as que non se saben, porque moita xente non presenta denuncia. E os ataques aumentaron porque hai máis lobos e hai tamén máis híbridos.

-¿Organizar batidas é a única forma de diminuír estes danos?

-Nós temos que axudarlles aos gandeiros. Aos cazadores non nos fai graza ningunha cazar o lobo. O que lle pedimos á Administración é que regule a poboación de lobos: se atopa outros métodos que non sexan as batidas, perfecto, pero creo que non os hai. Hai que ter en conta que o lobo non ten predadores, o único que pode regulalo é o home. Ademais, se non se rebaixan de forma regulada, a poboación de lobos pode sufrir danos se se empregaran métodos non selectivos, o que suporía exterminación desta especie, e iso non o queremos.

-¿Que zonas son as máis afectadas polos ataques de lobos?

-En toda a provincia se rexistraron ataques de lobos. Pero é necesario que os gandeiros denuncien cando sufran os ataques.

-¿Certos cambios no medio, como a diminución de corzos ou outras especies, poden facer que o lobo ataque máis ao gando?

-A principal causa dos ataques é que hai demasiada poboación de lobos e iso haino que controlar, dunha maneira ou doutra. De feito, estamos vendo comportamentos que ata agora nunca houbera, como ataques a cans. Hai uns días vimos tres lobos atacando a un can na zona de Quiroga, e íano desfacer vivo. O seguinte paso, se isto non se controla, poden ser os ataques a humanos.

«A cacería de Friol foi a primeira que se autorizou desde hai dous anos»

O mes pasado, a Xunta autorizou de maneira puntual unha saída de cazadores en Friol para abater un lobo, debido ao incremento de ataques a gando.

-¿Como resultou esa batida?

-Van dous grupos de persoas, en abanico, facendo ruído e afalando para acurralar ao lobo e dirixilo cara onde están as escopetas.

-¿Son necesarias máis batidas?

-Si. A de Friol foi a primeira que se autorizou na provincia desde hai dous anos, e foi para matar un só lobo. Pero non é suficiente, debería haber máis e autorizar a caza de máis exemplares. Aínda que, polo menos, con actuacións como a de Friol conseguimos escorrentar os lobos un tempo.

-¿Por que cre que aumenta a poboación de lobos?

-Porque non o deixan cazar. Ademais, é necesario máis axilidade. Cando finalmente se acaba autorizando unha batida, o lobo xa ten marchado. Batidas como as de Friol son necesarias, e agradecémoslle á Xunta a decisión porque é boa para os gandeiros; se actúa, a Administración terá sempre o apoio dos cazadores e dos gandeiros.

Votación
9 votos
Comentarios

«Son necesarias as batidas porque hai superpoboación de lobos»