
A Xunta aporta 100.000 euros ao Concello de Cospeito para a adquisión e posta en valor dun monumento que necesita con urxencia unha rehabilitación
06 jun 2022 . Actualizado a las 18:47 h.A Xunta e o Concello de Cospeito asinaron este luns un convenio de colaboración para que a Torre da Caldaloba sexa de titularidade municipal, o que supón que se garantirá a recuperación, conservación e mantemento deste BIC, un dos máis de 700 cos que conta Galicia. O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, formalizou o acordo, dotado con 100.000 euros.
Como expresou o titular de Cultura da Xunta, o goberno autonómico continúa así apostando pola conservación do patrimonio histórico do rural galego «a través duns investimentos que permiten a súa posta en valor e traballar de xeito coordinado cos concellos para manter viva a nosa historia». Neste sentido, referiuse ao caso concreto da Torre de Caldaloba, por cuxa conservación, dixo, vén apostando a Xunta, cuns primeiros traballos para a consolidación da estrutura e reducir o ritmo de degradación e, máis recentemente, cunha campaña arqueolóxica que puxo de manifesto o seu valor histórico ao constatar que puido estar asentada nun asentamento castrexo.
O acordo asinado dá resposta ao interese do Concello de Cospeito por adquirir a torre e parte de parcelas ocupadas polos fosos e murallas co fin de poñer en valor este elemento singular da historia deste municipio lucense e de Galicia. A torre foi declarada BIC en 1949. Tamén coñecida como Castelo de Vilaxoán, está na parroquia de San Martiño de Pino. É de época medieval e está datado nos séculos XIV-XV, período do que se conserva en pé unicamente a Torre da Caldaloba. Ten unha importante significación histórica debido a súa relación coa revolta dos Irmandiños e co Mariscal Pardo de Cela.
Nos últimos anos houbo movementos veciñais, sociais e culturais que demandaban con urxencia a rehabilitación da torre chairega, debido ao seu mal estado de conservación. O asunto foi levado ao Parlamento de Galicia por parte do BNG e do PSOE, que reclamaron solucións para un dos monumentos máis emblemáticos da provincia de Lugo. O Bloque mesmo levou o asunto ao Congreso para pedir ao Goberno a súa intervención.