Homenaxe á última xeración de zoqueiros

Unha mostra recolle a traxectoria, o traballo e as ferramentas dos artesáns da provincia de Lugo

M. C.
lugo / la voz

As mulleres participan de forma indirecta con calcetíns de lá

Un photocall e unha zona para probar as zocas son algunhas das apostas da mostra

Máis de 20 zoqueiros e galocheiros participan na exposición colectiva Cos pés na Terra na capela de Santa María. A que podería ser a última xeración de artesáns -todos homes- protagoniza a mostra, que está aberta ao público ata o día 25 de novembro, de luns a venres dende as 10.30 ás 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas; os sábados, domingos e festivos de 11.00 a 14.00 e de 16.30 a 20.00 horas. José e Francisco Morán, Eduardo Rouco, Alberto e Secundino Geada son algúns dos homenaxeados na sala de exposicións, que oferta varios espazos para os visitantes: un photocall con zocas incluidas, paneis informativos cunha biografía de cada artesán, unha zona de taller para poder ver o ambiente no que traballaban os zoqueiros e galocheiros, mostras de ferranenta e un recuncho con diferentes zocas que os visitantes poden probar. A pegada indirecta das mulleres nesta mostra está nuns calcetíns de lá.

Os zoqueiros fan o que foi un calzado habitual para a xente que vivía en sitios húmidos e cubertos de neve como é o caso da provincia de Lugo. Traballan nos seus obradoiros e por encargo, así como en feiras.

O segredo está no bidueiro

Todas as zocas son de madeira de bidueiro menos dúas policromadas. Dentro, uns paus serven para facer o calzado á medida exacta.

«Algún dos mestres case chega aos 100 anos», explica o comisario da exposición, José Salgado, que tamén indica que a diferenza entre zocas e galochas reside en que a segunda terminoloxía se emprega en zonas de montaña. Salgado explica a importancia «dos pequenos detalles» nesto das zocas. «A saber se as propiedades que ten a madeira dos bidueiros para a saúde ten que ver ca lonxevidade dos artesáns», conta o comisario.

A mostra fai un percorrido polos artesáns da provincia e presenta aos últimos zoqueiros e galocheiros. Algúns eran ambulantes e facían o seu traballo nas casas dos seus clientes; outros, tiñan un espazo propio con ferramentas onde facían o calzado, froito da necesidade que tiña a xente nos momentos máis fríos do ano ou para camiñar sobre determinados terreos, máis difíciles de cruzar.

Zocas de homne antigas, de zapatilla, para os máis cativos, de chanclo para os menores de cinco anos que ata permitían introducir un cordón, galochas de dous talóns e incluso zocas de caña nas estanterías da mostra, así como ferramentas fixas e outras móbiles como aixolas, coitelos, gubias, medidas, rebeliscos, coitelos e revocadores para conseguir, furar, preparar e moldear a madeira dos bidueiros.

Os protagonistas

José Morán aprendeu a zoquear de seu pai aos trece anos en Cospeito. Despois, eran tres ou catro os pares que facía ao día. Actualmente fai demostracións. A divulgación tamén é traballo de artesáns como Francisco Morán, que rematou o vello oficio cunha intención lúdica no marco da Mostra Exposición de Muimenta da súa localidade natal. Aínda conserva o último par de zocas que utilizou a súa muller. Eduardo Rouco herdou a profesión do seu pai e montou a súa propia fábrica en 1964 con clientes de toda Galicia, negocio que pechou no ano 2006, cando se xubilou. Alberto e Secundino Geada son o mellor exemplo de que os zoqueiros aínda non desapareceron de todo. Dende o Valadouro, Alberto ampliou o campo de ttaballo e compaxina a produción artesá con creacións de deseño e exposicións.

A mostra sitúa a cidade de Lugo como lugar fundamental para o desarrollo dos zoqueiros xa que, ata hai pouco, as zocas eran algo obrigatorio para a xente que traballaba a terra ou nos portos de mar. A mostra tamén lembra que a palabra sabotaxe provén da palabra zocas en francés, xa que foron os que usaban este calzado os que iniciaron protestas e reivindicacións.

Un oficio de xeracións

A vocación con fondo e o oficio de sangue son os piares destes zoqueiros e galocheiros e demostran «verdadeiro amor polo seu traballo», explica José Salgado. Algúns aínda fan demostracións e o único que aínda é un artesán en activo é Alberto Geada, xa que o resto están xubilados. «Ou alguén reinterpreta o oficio ou eles son as últimas xeracións de zoqueiros», di o comisario, ao que engade que que «van aparecer máis zoqueiros e galocheiros».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Homenaxe á última xeración de zoqueiros