«A Moexmu non é un milagre, é o resultado do traballo da xente»

Jose Manuel Rus cumpre 20 anos como coordinador da feria, e lembra que cambiar a celebración de xullo a abril foi básico 


VILALBA / LA VOZ

Cada mes de abril, dende hai anos, supón a chegada dunha nova edición da Mostra Exposición de Moexmu (Moexmu). Meses de traballo quedan resumidos en tres días de feira, algo do que sabe moito José Manuel Rus, pois neste 2018 cúmprense 20 anos do seu comezo como coordinador.

-¿Pensaba entón que chegaría a botar tanto tempo?

-Non. Nin de broma. Vinte anos xa...

-¿Cambiou a feira a mellor dende aqueles anos?

-Si. Ten en contra que a feira daquela se facía en xullo. Estaba condenada a morrer.

-¿Que foi o que a salvou e lle permitiu pasar dos 30 anos de celebración ininterrompida?

-Una gran acerto foi cambiar a feira ao mes de abril. A primeira en abril foi a do 2002. Quíxose separar a feira das festas de Muimenta [na honra de San Cristobo], e conseguiuse así que houbese unha fin de semana con gran animación na vila. Ademais, para a maquinaria, o verán é unha mala época de celebración, e para os gandeiros, tamén. Agora a feira queda cerca da Festa da Filloa, e hai que traballar máis nestes días.

-¿Cal é realmente a clave das 34 edicións conseguidas pola feira?

-Son moitas. Unha pode ser sen dúbida a implicación da xente. Nas comisións hai xente que mesmo estando xubilada, continúa a traballar.

-¿Non cansa a xente de Muimenta despois de tantos anos de dedicación?

-Eu creo que todo o mundo, no fondo, pode estar algo canso. Pero na Festa da Filloa, dende que se conseguiu a declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia, a xente implícase máis. Na feira da Moexmu, creo, o feito de ter o único concurso de gando frisón da provincia tamén estimula.

-A estas alturas, con máis de 30 anos ás costas, ¿é un milagre a Moexmu?

-Non. É o resultado do traballo da xente. Cando comezou a feira, facíanse os stands con xestas; así foi de 1985 a 1990. A clave é que a xente traballe. Pídese aos empresarios unha pequena cantidade para os trofeos do concurso de gando, e todos dan. Traballo e esforzo: esa é a clave. Todo o mundo, na medida das súas posibilidades, se involucra.

-Dende un posto que ten relación co mundo gandeiro, ¿como ve o sector?

-Fastidiado. Non vexo relevo. Agás excepcións, a xente nova non queda no rural.

-¿Que se necesita, dende o seu punto de vista, para cambiar a situación?

-Se non hai servizos, a xente marcha; se a xente marcha, non hai servizos. Esa dinámica hai que rompela por algún lado. Aquí houbo loitas polo bus, polo centro médico...: por manter os servizos, en definitiva. E non esquezamos o traballo: se non o hai, a xente marcha.

-¿Como pode ser o futuro da Moexmu?

-Admitindo a realidade de cada momento. A feira de hai 20 anos non era a de hoxe; agora hai máis produtos vencellados co sector primario ca ao principio.

-¿Como será a feira que se estea a organizar dentro doutros 20 anos?

-Non sei. Espero que se siga mantendo o concurso de gando. O tempo dirao.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

«A Moexmu non é un milagre, é o resultado do traballo da xente»