Asociacións de Muimenta denuncian a nova liña de bus posta pola Xunta

La Voz LUGO / LA VOZ

COSPEITO

Os veciños denuncian que deste xeito, o bus chega a Lugo ás 18.30 horas e ás 19. 30 horas sería o seu regreso

22 nov 2017 . Actualizado a las 10:36 h.

Asociacións de Muimenta denuncian que o delegado da Xunta en Lugo non está cumprindo coa súa palabra e recordan o compromiso verbal dado nunha reunión celebrada o 21 de setembro nas instalacións da delegación de Lugo.

Nun comunicado, os diferentes colectivos indicaron que en dito encontro, Balseiro comprometeuse a que un dos cinco servizos de bus recuperados para Muimenta, era con saída de Meira ás 15.00 horas e con paso por dita localidade, aproximadamente ás 15.30 horas. «Despois de agardar máis de tres meses polo bus, dende a supresión do pasado oito de agosto, e case dous meses dende o compromiso verbal da Administración Autonómica, atopámonos coa sorpresa de que ese servizo é ás 17.00 horas, con paso por Muimenta aproximadamente ás 17.30 horas, e dicir, dúas horas máis tarde do acordado entre as partes», denuncian os colectivos.

Os veciños denuncian que deste xeito, o bus chega a Lugo ás 18.30 horas e ás 19. 30 horas sería o seu regreso. «Escasamente teríamos sesenta minutos para realizar as pertinentes xestións. Na práctica, este servizo non serviría para nada. Xa nos gustaría coñecer de quen foi a brillante idea de propor o retraso en dúas horas no servizo de tarde e ter menos dunha hora para estar na capital de provincia», denuncian os diferentes colectivos.