«Na Tinería só inviste a Xunta de Galicia»

ENRIQUE G., SOUTO LUGO / LA VOZ

COSPEITO

O mesmo día no que a Deputación presentaba o Plan Único, Balseiro fixo balance de seis meses no cargo

10 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Leva pouco máis de seis meses como delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, e onte fixo balance. Foi no mesmo día en que a Deputación presentaba o seu Plan Único de investimentos. Coincidencia ou non, José Manuel Balseiro (O Valadouro, 1962) recordou qué fixo e qué ten previsto a Administración autonómica na provincia. Coa incorporación de Balseiro, o PP remarcou o perfil político dun cargo desde o que pode plantar cara sobre o terreo ao goberno provincial (PSOE); incluso á propia alcaldesa da capital, en cuxo terreo entrou onte: «Na Tinería a única Administración que inviste é a Xunta».

-Empezando pola propia casa, ¿que cambiou na Delegación da Xunta dende que asumiu o cargo?

-Quero que sexa a segunda casa dos lucenses e non só un búnker administrativo. Imos procurar abrir a cafetería e estamos a darlle vida á sala de exposicións. Quero impulsar a política na rúa. Neste tempo fixen 349 visitas; cheguei, non a todos, pero si a case todos os municipios da provincia. Foron seis meses intensos.

-¿Que lle parece máis relevante do ocorrido na provincia nestes meses en relación coa xestión da Xunta?

-Lugo foi a provincia galega na que máis baixou o paro no mes de maio (3,11%) e as contratacións subiron un 15%; e todo iso dito sen triunfalismos, porque mentres haxa un parado na provincia, hai un problema. En Sanidade, as obras no Hospital da Costa e o segundo acelerador de Radioterapia no HULA. En Educación, as obras nos colexios de Cospeito, Guitiriz, no Rosalía de Castro e no de Baralla. En conservación do Patrimonio, hai intervencións por 700.000 euros para restaurar a Muralla. En materia de turismo, o impulso ao xeoturismo. As políticas sociais, que son a nosa prioridade. Hai que citar tamén o apoio ao medio rural (en 2016 incorporáronse 268 mozos a actividade agraria).

-E na capital, ademais da inversión na Muralla....

-Antes de que remate o mes haberá boas novas sobre o Museo Diocesano; na inauguración da remodelación haberá visitantes ilustres. Por outra parte, a fin de ano estará listo o estudo para estación intermodal.

-A Xunta acusa ao Concello de retrasar a musealización do túnel atopado na Muralla...

-A concesión de licenza é un acto regrado e, polo tanto, unha vez solicitada, só cabe esperar a concesión.

-¿Algunha previsión para a zona de montaña?

-Un plan a dous anos, por 1.600.000 euros, para paliar os danos causados polos osos.