A lingua de Cristo

María L. Sández

CERVANTES

03 ene 2023 . Actualizado a las 19:38 h.

A entrevista, neste mesmo xornal, a Ramón Gutiérrez e Ramiro Martínez, dous cregos do concello de Cervantes que empregan o galego nas misas e defenden unha formación litúrxica na nosa lingua como vía para a normalización, déixanos algunhas citas impresionantes (polo que implican de sabedoría sociolingüística) e, por veces, arríncanos un sorriso: «Os curas cren que Xesús só falaba castelán, mais están trabucados».

O riso vén, claro está, de que, remontándonos ao comezo da nosa era, o castelán nin existía nin comezara a formarse. Aínda estaba en proceso a romanización e faltaban uns oitocentos anos para que fose, sequera, unha lingua falada e máis de mil para que comezase o seu cultivo escrito. Máis teñen moito sentido as palabras do cura de Cervantes. Os prexuízos sociolingüísticos (coma os de xénero, raza e tantas outras subalternidades) afíncanse, a miúdo, en crenzas radicalmente absurdas, desmontables desde a ciencia ou a lóxica máis básica e contrariadas polas evidencias que calquera pode constatar. Pero iso non lles resta nada do seu poder e da súa resistencia aos intentos racionais de desmontalos. No ámbito eclesiástico houbo sempre unha minoría comprometida co galego, sirvan de exemplo Andrés Torres Queiruga, Chao Rego ou estes dous cregos amigos, Ramón Gutiérrez e Ramiro Martínez. Mais son demasiado poucos, malia que o compromiso cos desfavorecidos debería propiciar o achegamento ás clases populares que, historicamente, falaron galego.

Xesucristo non falaba castelán e tampouco subscribía o rexeitamento da súa época ás prostitutas, os proscritos ou os marxinados. Hai unha lóxica continuidade entre ese modo de pensamento e actuación e o compromiso co galego en Galicia. Mais esa coherencia de Ramón e Ramiro a algúns resúltalles desconcertante. Curioso.