Cervantes foi o paso máis doado para cruzar Os Ancares antes de existir a N-VI

f.Follana / i.Cabarcos / R.Gutiérrez CERVANTES

CERVANTES

As Pontes de Gatín conta cun miliario
As Pontes de Gatín conta cun miliario DIPUTACION

Profesores do IES de Becerreá estudaron a vía romana XIX polo Comeal e Pontes de Gatín, que durou case dous mil anos

12 dic 2021 . Actualizado a las 20:03 h.

A Vía Romana XIX, que unía as cidades de Astorga, Lugo e Braga, entraba en Galicia polo portelo do Comeal, en Cervantes, e descendía polos vales deste concello ata cruzar o río Navia en Pontes de Gatín (Becerreá), segundo a hipótese que defenden os profesores do IES de Becerreá Ignacio Cabarcos, Ramón Gutiérrez e Fernanda Follana, nun artigo publicado na revista Lucensia e presentado en Cervantes o venres.

Os autores explican que a calzada romana foi unha principal vía de conexión entre Galicia e a Meseta ata que Carlos Lemaur trazou o Novo Camiño Real por Pedrafita do Cebreiro e matizan que para construír a futura estrada nacional, o enxeñeiro de Carlos III abriu un camiño de nova planta, afastándose por algún motivo descoñecido do máis favorable trazado dos romanos.

Efectivamente, o portelo do Comeal, que chega dende o val do río Valcarce, presenta mellores características orográficas que o paso de Pedrafita, o que xustifica que fose o primeiro proxecto de trazado para a autovía A-6, rexeitado por motivos medioambientais. De feito, a calzada romana foi utilizada polos cervantegos para desprazarse ao Bierzo ata ben mediada a segunda metade do século XX, cando a xeneralización dos coches fixo que este camiño, tamén chamado francés, fora abandonado. Unha segunda parte da investigación sobre a pervivencia da vía romana en terras de Cervantes durante a Idade Media, a cargo do profesor de Historia Cabarcos, verá á luz en primavera.

Pola súa banda, o clube ciclista lucense Bike-Stop presentou un vídeo promocional da calzada romana en bicicleta de montaña, no acto conxunto celebrado nas instalacións do Concello de Cervantes, no que tamén participou Xabier Moure, do Colectivo patrimonio dos Ancares, quen levan anos estudando a Vía Romana XIX por Cervantes con achádegos que están a aportar novas evidencias.

O bulo de Lemaur As primeiras hipóteses, prantexadas no século XIX, trazaron a vía romana por Pedrafita e As Nogais seguindo a Nacional VI, teoría dominante ata que polo ano 2000 se descubriu no Comeal un agger (resto de calzada), que supuxo unha evidencia física incontestable do paso da vía XIX. Con anterioridade se identificara un posible miliario (aínda sen catalogar) reutilizado na ponte de Pontes de Gatín, o que permitiu localizar este punto como a Ponte Neviae (onde a vía VIX cruzaba o Navia), citada no Itinerario de Antonino, un documento de tempos do emperador Caracalla. A pesar disto, a crenza popular de que a nacional e a vía romana descorren paralelas continúa vixente e, en Pedrafita, existe unha rúa co nome de Calzada Romana.

Paradoxalmente, foi Carlos Lemaur, construtor do Novo Camiño Real de Galicia, posteriormente Nacional VI, o que orixinou ás hipóteses da vía romana por Pedrafita e As Nogais. Cando Lemaur construíu o Novo Camiño Real entre 1763 e 1769 manifestou que viña seguindo a calzada romana, preciándose de ser o seu descubridor. Aínda que é certo que Lemaur seguiu o itinerario romano nalgúns tramos, a partir de Ruitelán (Bierzo) construíu un camiño de nova pranta ata Pedrafita e Noceda.

O motivo polo que abandonou nese punto a calzada romana, que continuaba cara a O Comeal, é descoñecido, aínda que podería estar relacionado cunha posible malversación pola que foi destituído do seu cargo e procesado. O certo é que as súas actuacións estiveron cheas de polémica dende que iniciou as obras da nacional VI, tendo continuos enfrontamentos co capitán Xeral de Galicia, o Marqués de Croix, e o seu sobriño, o Conde de Croix. Ademais de ser procesado por non xustificar unha partida de 66.000 reais, tamén foi investigado por posibles intereses particulares nunhas ferrerías relacionadas coa explotación de xacementos carbón e ferro na contorna da vía.

Lemaur, que foi o construtor da Ponte de Cruzul, foi substituído polo enxeñeiro Baltasar Ricaud, a quen se lle encargou un informe sobre as obras realizadas polo seu predecesor con obxecto de procesalo. Grazas a este informe, coñecemos o dato de que construíu un camiño novo entre Ruitelán e Pedrafita «abierto en la falda muy pendiente de una cordillera, dirigido exactamente por las repetidas revueltas que forman los montes en las entradas de los barrancos…», segundo constan nas notas persoais tomadas do informe de Ricaud de Isaac Moreno Gallo, estudoso das vías romanas no Bierzo. Segundo estes mesmos apuntes, cedidos por Moreno, Ricaud destacou que os tramos mellor construídos por Lemaur eran os coincidentes coa antiga vía romana, estando os de nova construción «en un estado deplorable».