Atopan un novo grupo de petroglifos en Cervantes

La Voz

CERVANTES

PATRIMONIO DOS ANCARES

Patrimonio dos Ancares documentounos no monte Penas dos Campuzos e cunha formas inéditas dos achados na provincia

05 nov 2018 . Actualizado a las 21:09 h.

Membros do Colectivo Patrimonio dos Ancares acaban de documentar outro grupo de petroglifos no concello de Cervantes. Foi no coñecido como monte Penas dos Campuzos, a 1.225 metros de altitude, pertencente á aldea de Moreira, na parroquia de Donís. En dúas rochas graníticas horizontais localizaron un círculo con coviña central  e un semicírculo do que parte un apéndice ou liña, cazoletas e dúas gravuras que parecen representar as pegadas duns animais ungulados, «quizais cervos ou bóvidos, algo, que nós saibamos, non se leva descuberto ningún petroglifo destas caracteristicas na provincia de Lugo», sinalan desde o colectivo patrimonial.

«Non resulta doado saber o significado destas pegadas, quizais vencelladas a representacións naturalistas duns mamíferos que se apoiaban e camiñaban co extremo dos dedos revestidos duns pezuños», explican. 

PATRIMONIO DOS ANCARES

Dende o ano 2013, o Colectivo Patrimonio dos Ancares levan localizados na comarca, con estes, 21 estacións con petroglifos (18 en Cervantes, 1 en Baralla, 1 en Navia de Suarna, e 1 nas Nogais). Onde se produce unha maior concentración é nos montes situados entre as aldeas de Moreira e Poso (Cervantes) onde nun radio inferior a 1,5 quilómetros levamos documentados 8 grupos de petroglifos distribuídos en 34 penas. A antigüidade destes motivos pode rondar os 4.000 ou 5.000 anos, na Idade do Bronce.