¿Por que se facían neste tipo de lugares e que significan?

Xabier Moure

CERVANTES

09 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

ómpre salientar que as gravuras aparecidas na Pena do Oso -coma o resto das que levamos documentadas no municipio de Cervantes-, atópanse próximas a pequenas correntes de auga, vellos camiños e ás coñecidas na comarca como brañas ou campas.

As brañas eran lugares altos, pero situados en penichairas, onde se levaba o gando e se sementaban os cereais, actuando en moitos casos como asentamentos temporais dende finais da primavera ata finais do verán. É por isto polo que a presenza de gravados nestes lugares adquire unha especial relevancia, amosando que xa dende a Idade do Bronce eran utilizados para o desenvolvemento de actividades agrícolas e gandeiras que se foron perpetuando ao longo dos séculos.

Aínda que as coviñas, ocos de planta redonda e sección semiesférica escavadas na superficie da rocha, son as representacións máis sinxelas da arte rupestre ao aire libre en Galicia, son tamén as máis enigmáticas.

Os petróglifos poden aparecer illadas, formando agrupacións e asociadas a outros motivos, tanto de temática naturalista como de tipo xeométrica.

Dada a diversidade onde aparecen, temos que pensar que non terían un único significado, senón todo o contrario: recipientes para ofrendas, lugares para recoller a auga que sería utilizada nalgún tipo de ritual, receptáculos para sacrificios, calendarios solares e lunares, símbolos de carácter sexual feminino relacionados coa fertilidade, delimitadores de espazos sagrados ou lugares máxicos, etcétera.