O patrimonio dos Ancares, sen protexer

XABIER MOURE LUGO

CERVANTES

ALBERTO LÓPEZ

Os xacementos prerromanos están expostos a acción do home e os castelos, en ruínas

09 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O Grupo de Acción Cultural Patrimonio dos Ancares rematou a primeira parte da catalogación dos sitios arqueolóxicos e dos monumentos dos concellos que conforman a comarca dos Ancares (Baralla, Becerreá, Cervantes, Navia de Suarna, As Nogais e Pedrafita do Cebreiro).

En liñas xerais, o estado de conservación das mámoas, petróglifos e castros é de regular a malo, totalmente expostos á acción incontrolada do home (traballos agrícolas, explotacións forestais, apertura e acondicionamento de camiños, cortalumes, prácticas con coches e motos todoterreo...).

A meirande parte das explotación auríferas romanas atópanse, polo xeral, en bo estado, se ben é certo que debido ao lugar onde se atopaban o seu acceso é moi dificultoso. Agás o castro de Santa María, en Cervantes, o resto dos bens arqueolóxicos citados atópanse sen a máis mínima protección, cubertos pola maleza e sen sinalizar. Este estado de abandono é extensible aos tramos de calzada, ás vilas e ás explotación mineiras de época romana. E a única ara votiva que se conserva na comarca está abandonada nos baixos dunha casa particular (outras inscricións desapareceron ou custódianse no Museo Provincial).

Canto aos castelos, torres e casas-fortes, case todos en mans privadas, o panorama non é moito mellor. Por poñer algúns exemplos, as casas-torres de Piñeira e Vilameixe, en Baralla, están a padecer un deterioro galopante a causa do abandono. O castelo da Pobra de Navia, que xunto coa ponte é uns dos emblemas do concello de Navia de Suarna, está practicamente arruinado, cunha torre de bloques de cemento produto dunha restauración feita hai anos.

O castelo de Doiras (Cervantes), coas murallas en bo estado de conservación, está abandonado. A casa-torre de Dumia, en Cervantes, cáese, literalmente, a cachos. A torre de Doncos, nas Nogais, continúa á espera de atopar dono, mentres continúa o seu imparable deterioro. De entre toda esta desfeita, cómpre destacar o labor da Asociación de Veciños de Torés e do Concello das Nogais para recuperar e poñer en valor o arruinado castelo de Torés, cuxos muros foron despoxados da hedra que os cubría e limpado o seu entorno; na actualidade están a facer varias xestións para conseguir os fondos necesarios para consolidar as arruinadas estruturas.

A casa-pazo de Veiga de Forcas, en Pedrafita do Cebreiro, coñecida en tempos como Castelo dos Armesto, sufriu unhas reformas que fixeron desaparecer varios elementos orixinais; na actualidade está abandonada.

Os únicos bens patrimoniais que se conservan en bo estado son as pontes de pedra, se ben algunhas precisarían que se limpara a hedra e as herbas que as cobren. Non acontece o mesmo coas moitas pontellas de madeira construídas para cruzar os pequenos cursos de auga, moitas arrasadas polas enchentas e pola falla de mantemento ao perder a súa función como paso de persoas, animais e carruaxes.

Para que os concellos da comarca se involucren na conservación, protección e difusión dos monumentos citados, estamos a rematar uns informes por municipio para facérllelos chegar, propoñendo unha serie de bens que se poderían poñer en valor. Tamén acordamos poñernos en contacto cos distintos partidos políticos para a creación dun museo que recolla a historia da comarca.

Canto ao Patrimonio Inmaterial levamos recollidas centos de historias, tradicións e lendas que estaban practicamente esquecidas, e tamén os nomes dos lugares con que os nosos antepasados bautizaron os sitios onde desenvolvían a súa vida cotián.

Entre as próximas actuacións de Patrimonio dos Ancares está a catalogación das 114 igrexas e 136 capelas que temos contabilizadas nos seis concellos da comarca, así como a localización de seis grupos de petróglifos (2 en Cervantes, 2 en Navia de Suarna e 2 en As Nogais), un menhir en Navia de Suarna e unha vila romana nas Nogais dos que temos referencias orais. Tamén localizamos un castro inédito nas Nogais que se está a estudar, onde atopamos material tegulario e anacos de vasillas. Trátase do castro de Nullán, do que esperamos, e así nolo manifestou o alcalde, o Concello limpará a zona.

Tamén estamos a colaborar coa Asociación de Veciños de Torés (As Nogais) para a recuperación, posta en valor e divulgación do patrimonio material e inmaterial da parroquia. Ademais doutras actuacións, a Asociación de Veciños está a documentar e sinalizar unha variante do Camiño de Santiago que dende Pedrafita pasaba pola parroquia, recollida na guía de Künig.