Familias e activistas do rural lucense participan no novo movemento galego «Vivimos no rural»

l.r. lugo / la voz

CERVANTES

24 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Familias e activistas que viven e desenvolven o seu labor no rural da provincia de Lugo participan no movemento «Vivimos no rural», recén creado nun encontro celebrado en Santiago de Compostela. «Xuntámonos 44 persoas de diferentes partes de Galicia, todas interesadas por un mundo rural vivo, e todas participando xa dunha maneira ou doutra en actividades e programas, persoais ou grupais, orientados á consecución dese obxectivo», destacan fontes impulsoras da iniciativa, entre os que están o activista Manolo Regal, da Asociación Cultural Santa Lucía de Abadín, e o sacerdote de Cervantes Ramiro Martínez Carballosa. Na cita establecéronse tres grupos de traballo: un centrado nas alternativas económicas, outro na comunidade solidaria e un terceiro na cultura. Entre outros temas abordaron a importancia de poñer en práctica a «proximidade» entre a xente que produce e a que merca e consome produtos para dar pé a unha comunidade rural con futuro nos ámbitos social, económico ou cultural. Tamén se falou sobre actividades que dinamicen os espazos e fagan fronte, por exemplo, «ás historias derrotistas que circulan», ou ao «acoso da cultura dominante». O movemento acordou elaborar unha ferramenta informática que faga posible a comunicación, e a celebración dun encontro anual en distintos lugares. Entre os participantes na primeira xuntanza estiveron os gaiteiros de Xardois, en Cervantes, así como a ANPA do CPI de San Román, o CDR Ancares, a Casa do Braulio, en Taboada; Fogares Lar; ou a Casa Rural da Penela, en Mondoñedo.