Cumio e fin do camiño nos Ancares

José M. Menéndez

CERVANTES

Senda Nova pechou o seu Inverno Ancestral cunha viaxe á montaña lucense

05 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Aexpedición de Senda Nova dispúxose para o último esforzo na dilatada marcha cara a conclusión do programa que pecha un longo ano de actividade, de traballo, de esforzo e de ilusión.

Esta etapa número 15 remataba cun segundo Inverno Ancestral de vértigo con campamentos base noutras tantas actividades que escalaron a prol do patrimonio inmaterial dentro da nosa cultura máis prezada. Os guías de luxo foron os montañeiros máis veteranos, que nos ensinaron en cada unha das Historias de Inverno o camiño máis doado para entender o pasado de cada parroquia. Detrás de todo e, como protagonistas da expedición, os nenos e nenas. Coa mochila cargada coa forza da xuventude, encheron cada camiño polos xogos e xoguetes tradicionais e polo magosto e, recibiron as ordes do Apalpador na súa viaxe a Carreira.

Tanto puzle conformárono todas as entidades coas que colaboramos para poder facer esta fermosa viaxe ás alturas. Cada unha delas aportounos o necesario para poder facer ese esencial encaixe de bolillos no que se conseguiron cousas como o Roteiro solidario que puxo énfase nos dereitos sociais.

E coma sempre, os humidais tiveron oco na nosa programación. Viaxamos a Traba de Laxe para intentar colocar no mapa un dos espazos máis virxes de Bergantiños e ao cal agora nos sentimos máis achegados.

Case 700 participantes fixeron falta para cubrir as etapas deste Inverno Ancestral; desas, só 56 foron os escollidos para o tramo final: O ataque a cumio.

O grupo de fieis montañeiros saíu de Carballo cara a serra dos Ancares, co amplo obxectivo de coroar as montañas máis altas de Galicia e de aprovisionarse coa cultura dunha comarca repleta de recunchos fascinantes, de aldeas incribles e de xentes dispostas a ensinar.

Coche de apoio cargado de ferramentas, mochilas cheas de ganas e corazóns dispostos a adentrarse na ancha capa de neve e nos máis de 1.300 metros de altura das montañas ancaresas.

Aí foi onde comezamos o camiño que levaba á sensación de soidade e a un esforzo físico, a grandes e a maiores. Foi para moitos un verdadeiro bautismo coa neve, en moitos casos acompañado do goce a carón dunha paisaxe de orballo e bucólica brétema.

Seguir o camiño supuxo traballo para algúns dos expedicionarios máis avezados coa pala. Abrir camiño coa mesma era a única opción posible para que a senda puidera ter continuidade coa seguridade axeitada. Unha proba para o grupo.

Foi máis alá dos 1.400 de altitude onde a expedición fixo o cumio da camiñada mais a actividade seguiría ata gozar dos caloriños das lareiras do albergue do Club Ancares, colocado en sitio estratéxico para os máis expertos montañeiros.

Despois da comida, de mil curvas, de gozar dende o bus da grandiosidade dos vales do concello de Cervantes, da fermosura dos bosques autóctonos e da forza da auga dos regatos da parroquia de Donís, chegamos á aldea prerromana do Piornedo.

O tempo detívose no núcleo BIC: pallozas, hórreos, retrotráente no tempo e para comprobalo de xeito palpable, non tes máis que meterte de cheo na palloza museo do Sexto e deixar que Isolina che seduza con cada explicación sobre cada detalle dunha construción en uso como vivenda ata entrados os anos 70.

De todo iso foron falando os participantes no autobús, camiño de A Pobra. Navia de Suarna foi a encargada de despedir aos Ancares da expedición de Senda Nova. Para volver de novo, sen dúbida a ver de novo o seu castelo, a súa ponte... e crear novas rutas polas súas corredoiras.

Sen dúbida, desta vez si rematamos a nosa. Aquela que comezabamos o día 13 de decembro. Aquela na que tantos montañeiros intrépidos puxeron o seu ollo para que todo saíra segundo o previsto. Eses sherpas do esforzo coa mochila cargada de ilusión. Eses compañeiros e voluntarios de Senda Nova que se empeñan cada día en poñer tantísimo polo noso patrimonio. Aí está a clave de chegar arriba.