La Voz ofrece mañá a segunda parte do «Quixote», publicada en 1615

La Voz LA VOZ | REDACCIÓN

CERVANTES

Cervantes escribiu a continuación da súa obra mestra empuxado polo seu éxito O volume pode conseguirse co xornal polo prezo dun euro e o cupón no lombo do diario.

06 sep 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

?egundas partes nunca foron boas, di o refrán. Pero, como é sabido, os refráns tamén se equivocan. Porque a segunda parte do Quixote , que Miguel de Cervantes publicou en 1615, dez anos despois da aparición da novela do famoso cabaleiro, foi un éxito no seu tempo, e a súa calidade completa o texto inicial e ata se permite algunhas innovacións maxistrais. No prólogo a esta obra, Cervantes fai alusión á fama acadada polos personaxes na primeira parte, que traspasou o ámbito do español e foi traducida rapidamente a outros idiomas. Neste tempo, o Quixote percibíase principalmente como unha novela humorística que tiña a virtude de parodiar os libros de cabaleiros. Pero Cervantes tamén descarga a súa ira. No prólogo alude ao que se coñece como O Quixote de Avellaneda , unha versión apócrifa que retoma as creacións de Cervantes. O tal Avellaneda permitírase insultar ao escritor na súa obra, de quen se burlaba por manco e vello. Nesta segunda parte aparecen vellos coñecidos das primeiras aventuras quixotescas: o barbeiro, o cura, Dulcinea do Toboso, e, claro, Sancho Panza, pero o cabaleiro e o seu escudeiro vivirán novos sucesos, «tan ridículos como verdadeiros», por empregar terminoloxía cervantina. Don Quixote tamén verá o mar neste segundo libro, xa que Cervantes encamiña ao seu personaxe a Barcelona, a cuxa praia chegou a véspera de San Xoán á noite. O que resulta realmente curioso desta segunda parte é o feito de que os personaxes son conscientes da existencia da historia da primeira narración. Mesmo Cervantes valse do cabaleiro para ridiculizar o Quixote apócrifo cando o cabaleiro coñece a súa existencia e monta en cólera. Outro fito literario é que Don Quixote trate de modificar os acontecementos, algo que lembra aos personaxes do século XX que se rebelan contra o seu autor. Labor en equipo Igual que a primeira parte, esta obra da Biblioteca Galega de Clásicos Universais foi vertida ao galego por un equipo de tradutores. La Voz ofrecerá mañá este libro aos seus lectores polo prezo dun euro, ademais do cupón que figura no lombo do xornal.