Castroverde exporta un novo proxecto literario: «Porque non todos os faros están no cemento das urbes»
CASTROVERDE
Nace a colección de libros Ouriceira, de Kamarada Editorial, impulsada polos escritores José Estévez e Manuel Vázquez. A primeira obra, un libro colectivo de máis de 40 autores, foi presentada na taberna A Despensa de Saa, xerme desta iniciativa cultural
12 abr 2026 . Actualizado a las 05:00 h.O rural ten fame de iniciativas culturais, ten inquedanzas literarias que se están canalizando a través de novos proxectos. Un deles é a nova colección de libros Ouriceira, que se publica a través da editorial Kamarada, de Castroverde. O primeiro libro colectivo, Ouriceira. Libro colectivo I, no que participan máis de corenta autores, foi presentado hai uns días na taberna cultural A Despensa do Saa, en Lugo, polos seus impulsores, os escritores José Estévez e Manuel Vázquez.
Precisamente foi no marco da intensa programación cultural de A Despensa do Saa onde se xestou este proxecto literario, segundo explica Estévez: «Dentro dos actos culturais da taberna descubrimos a existencia desta editorial de Castroverde, e vendo que había posibilidade de facer algo dadas as facilidades que nos ofreceron, decidimos publicar unha ou dúas obras de poesía ao ano, de poetas de certo renome».
Así naceu a colección Restrelos, que se estreou con Xesús Trashorras e o seu libro O soño de Patti Smith, e que continuará cun segundo libro, de Marica Campo, e un terceiro que xa está comprometido, de Xulio Valcárcel.
A raíz de aí, segundo explica Estévez, xurdiu a idea de facer subscritores na colección Restrelos, «que terían dereito, a un prezo máis reducido, a que o autor lles dedique a obra, a aparecer no listado de subscritores e a publicar na colección Ouriceira, que é un libro colectivo», matiza. De aí naceu este primeiro volume, Ouriceira. Libro colectivo I, no que participaron 41 autores dos máis de 70 subscritores de Restrelos.
A obra conta con relatos, poemas... e ata un saúdo do alcalde de Castroverde, Xosé María Arias, como colaborador especial.
Novo libro: Marica Campo
O seguinte libro previsto é o de Marica Campo. Para iso, contactarán cos subscritores para ver se queren manter a subscrición, porque non é permanente, e a raíz desa nova obra sairá a segunda parte do Ouriceira, xa para o ano que vén.
Estes proxectos son unha boa mostra da vida cultural que ferve no rural, desde Kamarada Editorial, impulsada por Cris de Iskoö en San Cosme de Barreiros (Castroverde), ata as coleccións de Restrelos e Ouriceira, pasando pola programación cultural de A Despensa do Saa: «Unha clara intención de xerar sinerxias culturais no rural e proxectalas no arredor cara ao mundo urbano, porque non todos os faros están no cemento das urbes», expoñen Manuel Vázquez e José Estévez.
Abrirse camiño no ámbito cultural desde o rural é complicado, pero posible: «Partimos cunha pobreza financeira, pero cunha visión ampla. As nosas metas non son de longo alcance, senón de ir pouco a pouco», aclara Estévez.
Cultura en Castroverde
E que ten Castroverde para dar vida a tanta efervescencia literaria? «Pois ten persoas con moitas inquietudes e un Concello que está apoiando todas estas iniciativas: adquirindo unha cantidade importante de libros, deixando locais...», destaca o escritor. De feito, seguindo o exemplo de Castroverde, esperan chegar a máis concellos, como os de Taboada, A Pobra do Brollón ou O Incio.