O mandatario provincial sinala que «con estas actuacións resolvemos un problema que se arrastraba dende o ano 2003, cando se expropiaron os terreos para acometer estas actuacións». E neste sentido comentou que moitos veciños e veciñas se beneficiarán de maneira directa desta actuación porque se trata dunha estrada moi transitada que articula os concellos de Baralla, O Corgo e Castroverde, dando servizo a 7 parroquias deste último municipio. A previsión é que, se as condicións meteorolóxicas son favorables, as obras estean rematadas cara o mes de novembro.
Accesos ao polígono industrial
José Tomé lembrou que nesta mesma estrada provincial, a LU-P-1201, a Deputación rematou recentemente a mellora e ensanche doutro tramo, de máis de dous quilómetros, entre Souto de Torres e o polígono industrial de Castroverde, unhas obras que contaron cun investimento de 380.000€.