Castroverde busca reconstruír a súa historia cun concurso de fotos antigas

Laura López LUGO / LA VOZ

CASTROVERDE

Cartel do concurso
Cartel do concurso

O certame está aberto ata o 29 de abril

29 mar 2021 . Actualizado a las 13:18 h.

O Concello de Castroverde busca reconstruír fotograficamente a súa historia, polo que convocou o primeiro concurso de fotos antigas, baixo o título «Castroverde, unha volta ó pasado». Os interesados en participar poden enviar as súas imaxes, anteriores a 1970 e tomadas en Castroverde, ao correo info@concellodecastroverde.com ou entregalas nas oficinas do Concello. Cada fotografía deberá ir acompañada por un pequeno texto explicativo, ademais da data e o lugar onde foi tomada. Poden ser imaxes familiares, sociais, culturais, deportivas, paisaxes...

O obxectivo do certame é reconstruír fotograficamente a historia de Castroverde; recuperar as formas de vida anteriores (historias, experiencias, vivencias...); promover e difundir a riqueza cultural, social, monumental e paisaxística; e crear un banco de imaxes antigas do Concello e as súas xentes para exposicións, álbums ou calquera outra actuación organizada polo Concello.

Prazos

O prazo para concursar remata o 29 de abril, e os gañadores, que poden levar 200, 150 ou 100 euros (para gastar en establecementos do municipio antes do 10 de xuño), daranse a coñecer o 10 de maio.