Mulleres de Castroverde, protagonistas dun documental polo 8M

Laura López LUGO / LA VOZ

CASTROVERDE

Cartel do documental «Nós, as mulleres»
Cartel do documental «Nós, as mulleres»

O traballo difundirase por redes o domingo como homenaxe ás mulleres do municipio

02 mar 2021 . Actualizado a las 13:43 h.

Oito mulleres de Castroverde son as protagonistas dun documental que difundirá o Concello con motivo do 8M, Día Internacional da Muller, como homenaxe a todas as mulleres, en especial, ás do municipio. A presentación deste traballo audiovisual, Nós, as mulleres, terá lugar o propio domingo, 8 de marzo, dende a canle de YouTube do Concello de Castroverde, na páxina web e no perfil de Facebook do Concello de Castroverde.

No documental participan, contando a súa experiencia, oito veciñas que desenvolven o seu traballo en diversos sectores, e que relatan as dificultades que atoparon á hora de poñer en marcha os seus negocios e no seu día a día. Trátase de Estrella Ramos, propietaria de Ramos Casanova S.C.; María Nogueira, fotógrafa; Manuela Castedo, ama de casa; Rocío Fernández, propietaria de Rocío Selección; María Otero, propietaria de Súper Otero; Manuela Vázquez, propietaria de Entidade de Aconsellamento Agriña; e Maribel e Marisa Fernández, propietarias de Casa de Turismo Rural A Longarela.