A Deputación licita os servizos das residencias de Castroverde e Pedrafita

la voz LUGO

CASTROVERDE

A residencia de Pedrafita xa está rematada
A residencia de Pedrafita xa está rematada ALBERTO LÓPEZ

Aproba outros 400.000 euros para unha área de lecer e deportiva en Pol

27 sep 2020 . Actualizado a las 11:53 h.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, informou este venres, trala reunión da xunta de goberno, que se aprobou a licitación da prestación pública dos centros de maiores de Castroverde e Pedrafita do Cebreiro por un total de máis de 2,1millóns de euros en dous anos. Tomé Roca explicou que a contratación deste servizo é o último trámite administrativo para proceder á apertura das residencias, algo previsto para antes de finalizar o ano, sempre e cando as condicións sanitarias o permitan.

«Esta foi unha Xunta de Goberno importante porque mobilizamos máis de 4,3 millóns para mellorar os servizos públicos dos concellos e dos veciños e veciñas, para apoiar o tecido asociativo da provincia, pero que, ao mesmo tempo, serven para dinamizar a actividade económica, os sectores produtivos e o mantemento do emprego, algo especialmente importante neste contexto de crise económica provocada pola pandemia», subliñou Tomé.

Nese sentido, puxo de manifesto que unha gran parte desa cantidade se destina aos centros de maiores, por un lado á contratación da prestación pública das residencias de Castroverde e Pedrafita do Cebreiro por algo máis de 1 millón de euros cada unha ata o mes de xuño de 2022. Ese contrato inclúe os servizos de cociña, limpeza e asistencia básica para os dous centros.

Ademais, este venres quedou aprobada a adxudicación das obras de construción do centro de maiores de Portomarín por 1.430.000 euros á empresa Coto Estudios y Construcciones SL. Este edificio incluirá 13 apartamentos tutelados e un centro de día.

O proceso de contratación deste proxecto viuse retrasado por motivos que non tiveron que ver coa institución provincial, pois a empresa que inicialmente resultou adxudicataria renunciou e foi necesario volver atrás o procedemento para adxudicar de novo as obras. Agora, a Deputación solicitará a autorización á Xunta de Galicia que permita o inicio dos traballos.

Instalacións deportivas en Pol

A Xunta de Goberno tamén aprobou un convenio co Concello de Pol a través do que a Deputación lle achegou preto de 400.000 euros en dúas anualidades para a construción dunha nova área de lecer e deportiva en Mosteiro. Neste convenio, a parte da Deputación ascende a 392.257,80 euros e a do Concello a 43.584 euros, o que supón un investimento total de 435.842 euros, que irá destinado á dotación de instalacións complementarias para uso deportivo, a iluminación e os accesos.

«Esta nova achega de case 400.000€ que aprobamos hoxe súmase ós 330.000 euros que a Deputación de Lugo xa ten aportado para a área de lecer e deportiva que promove o Concello de Pol en 38.000 m² de terreo”, subliñou Tomé Roca.

Alfoz e Cervantes

Tamén saíu adiante un convenio de colaboración co Concello de Alfoz para a construción dunha nave que servirá para almacenar maquinaria municipal. A Deputación achega 115.300€ para estas instalacións, que se levantarán na Granda de San Pedro, xunto á piscina municipal e o colexio. O Concello aportará 4.435€.

 Tamén en Alfoz, aprobouse unha axuda de 16.645€ para a asociación de veciños de San Sebastián de Carballido co obxectivo é colaborar na reparación da cuberta e das escaleiras do local social deste colectivo.

Por outra banda, aprobouse un convenio co Concello de Cervantes a través do que a Deputación de Lugo sufragará con algo máis de 48.200 euros a mellora da cuberta de palla do Centro de Interpretación da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Navia, Cervantes e Becerreá.

«O Sabor das Margaridas»

Nesta sesión, tamén se aprobou un convenio coa produtora galega CTV para colaborar coa serie «O Sabor das Margaridas». Este convenio supón unha achega da Deputación de Lugo de 120.000 euros para proxectar a imaxe da provincia dunha maneira internacional, tendo en conta que «O Sabor das Margaridas» é a primeira serie en galego que está incorporada á plataforma audiovisual Netflix.

Tomé Roca detallou que a segunda temporada se rodou no inverno e xa foi estreada na Televisión de Galicia, pero adiantou que está previsto que nas vindeiras semanas estea dispoñible en Netflix. «A provincia de Lugo ten un papel protagonista ao aparecer como escenarios paraxes como a Ribeira Sacra, o Pazo de Adai no Corgo ou a capital lucense. Dende a Deputación consideramos que esta colaboración é unha oportunidade para a proxección internacional da nosa riqueza paisaxística e cultural».

Obras de remanentes do Plan Único

 Esta sesión da Xunta de Goberno deulle o visto e prace a un conxunto de solicitudes dos concellos da provincia para investir remanentes do Plan Único 2019 en novas actuacións.

-En Foz, investiranse máis de 3.500€ para seguir acondicionando os camiños da parroquia de Vilaronte.

-En Folgoso do Courel, os remanentes servirán para axudar no financiamento do afirmado do camiño de Campelo a Millares.

-Na Pobra do Brollón vanse investir 6.134€ nas obras de mellora da accesibilidade do  edificio multiusos municipal, uns traballos cofinanciados co Concello.

-No Saviñao, os remanentes de preto de 30.000€ irán destinados ao subministro de formigón para a adecuación de estradas en varios puntos do concello. En concreto, trátase das seguintes vías: Outeiro-Candaira, Vilacaíz, Vilatán, Galegos, Marrube-Castiñeiras, Touza, Forcados, San Vitorio-As Trabes, Segán, Agra e Vilarello.