«Pero como os vou maltratar, se me sacaron inconsciente de dentro da casa cando ardeu»

Miguel Cabana
miguel cabana LUGO / LA VOZ

CASTROVERDE

ALBERTO LÓPEZ

O propietario dos cans incautados en Castroverde pola xuíza De Lara di que non hai motivos para a retirada

19 ene 2019 . Actualizado a las 14:01 h.

Ricardo Carballo Nadela, con 77 años, deixou de vivir na súa casa da localidade de Serés, en Castroverde, tras un incendio que lle deixou o inmoble inservible vai xa para cinco anos. Agora reside cunha familia en Outeiro de Rei, pero dúas ou tres veces por semana acude á súa casa para darlles de comer aos cinco cans seus que seguen vivindo na casa. A xuíza De Lara ordenou incautarse de sete cans o pasado xoves, pero os laceiros solo puideron pillar tres. Aínda así, Ricardo Carballo di que da súa propiedade son cinco, porque os outros dous achegáronse por alí e tamén comen, pero non son seus.

-A xuiza mandou as forzas da orde a incautar os animais por non estar ben coidados.

- ¿Ti velos mal cuidados? Eles comen o que necesitan, e están lustrosos e sans. Eu veño dúas ou tres veces por semana a darlles de comer, e ben se ve que os comedeiros sempre teñen penso e auga.

-Pois pódenlle aplicar a lei de maltrato.

-Pero como os vou maltratar, se me sacaron de dentro da casa inconsciente cando ardeu. Eu débolles a vida a estes canciños, a van ter que devolvermos, porque son meus e están ben tratados. Se chego a estar aquí o xoves cando viñeron por eles... íamos ter unhas palabras. Pero se o único que estaba atado ten unha cadea de máis de 20 metros de larga, e os outros son mansos e viven tranquilos dentro da aira. Que fagan isto os xuíces parece incrible.

-¿Como é iso de que lle salvaron a vida?

-Vai xa para cinco anos que me ardeu a casa. Prendeu lume na cocina e tratei de apagalo con caldeiros de auga, pero non fun home. Acabou ardendo toda a casa menos unha habitación. Cando o lume estaba moi avanzado, acordeime que tiña algúns cartos no chineiro da cociña e entrei por eles. Atafegoume o fume e caín inconsciente dentro. E sacáranme os cans arrastro. Salváronme a vida, e un deles morreu despois, a consecuencia do fume que papou o pobre. ¿Como se pode dicir que os maltrato? Viven como marqueses. Bueno, vivían, porque agora, mentres non os recupero, sabe Deus en que gaiola dunha protectora os meten. Pobriños. Eses tres cans van ter que devolvermos, se hai algo de xustiza. Case prefería que me prenderan a min, que xa para o que me queda.... E se estou aquí cando viñeron por eles, igual tiñan que prenderme a min, porque... en fin. E ademais os cans estaban para gardar a casa, e os aveños de labranza, e agora vai quedar todo para os ladróns.