Baldomero Pestana: O retratista dos xenios

Xosé Carreira LUGO / LA VOZ

CASTROVERDE

OSCAR CELA

Hoxe estrease unha película sobre o lugués que fotografou a grandes persoeiros

26 dic 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Aos catro anos deixou a aldea de Pena en Castroverde e chegou, como moitos outros lucenses, á Arxentina. Baldomero Pestana, que co paso do tempo se convertería nun destacado fotógrafo que retratou a case que tódolos grandes escritores latinoamericanos e artistas e traballou asemade para prestixiosas axencias como Magnun, tamén para Life, Time e outras axencias, fuxía dunha situación dobremente dura para el: unha terra con pouco porvir e a falta de familia. Era fillo de solteira. A súa mai, contou en moitas ocasións, non o quixo e posiblemente el fose naqueles tempos un estorbo para algúns dos seus achegados. «Tuve la suerte de nacer como un hombre libre», dixo nalgunha entrevista.

Baldomero naceu hai 98 anos en Pazos, na parroquia de Pena na que pasou os últimos sete anos da súa vida. Hoxe, que queira, ten a oportunidade de ver na Deputación o documental Reb/Velando de Andrea Vázquez. Foi en 2008 cando Carmen Rico Coira e Antonio Polín recibiron un correo que lles sorprendeu. Asinábao un parente que se poñía en contacto con eles logo de 40 anos de silencio. Era Baldomero Pestana que logo acabou instalándose na terra con 90 anos. Atrás deixaba moito mundo andando. Arxentina, Perú e logo París. Polo seu obxectivo pasaron, entre outros, García Márquez, Carlos Fuentes, Mario Vargas Llosa, Bryce Echenique.... Tamén retratou a Roman Polanski en París. Din os seus achegados que nunca fotografou a que non admiraba e que xamais comerciou coas súas fotos.

A maiores, tamén dedicou unha parte da súa vida ao debuxo. Esa foi a súa vocación orixinal. A Deputación de Lugo publicou un libro con algunhas das súas creacións fai uns anos.

Comezou sendo xastre, pero axiña quixo facer fotos. En 1966 viaxou a París e incluso estivo en Castroverde e noutras cidades españolas, pero preferiu seguir na procura doutras metas. Xa de volta a Lugo deixou un arquivo con máis de 17.000 negativos.

«Ocupouse de devorar o mundo como el dicía, pero sentiu necesidade de atoparse coas súas raíces. Cando o reencontramos foi amor á primeira vista. Aproveitámolo tempo con el, pero o azar tróuxonolo aos 90 anos. Finou aos 97, pero cunha mentalidade dun mozo», lembra a súa parente Carmen Rico.

«Na casa gozabamos celebrando a súa festa de aniversario. O xeito en que gozaba xuntando aos novos amigos de aquí, eses que aprenderon a querelo axiña, e ben soubemos que non sempre é doado, que de cando en vez non se perdoa facilmente que un volva á terra aos noventa anos, despois dunha vida errabunda, dunha vida vivida con plenitude, que volva cheo de sabedoría: esa que non queda nas aparencias das cousas, que non se deixa enganar polos falsos brillos e que se lle queira así de golpe», contou Carmen Rico.

«Sempre fomos conscientes -dixo-de que o vento sopraba en contra nosa, por iso nos propuxemos dende o primeiro momento que a xente o coñecera porque, se o facían, íano querer e, sobre todo, porque desde o minuto un, comprendemos que era unha persoa excepcional e irrepetible, un artista único, pero especialmente unha persoa íntegra», expresou a súa parente. «Ríase cando eu lle dicía á xente que el fora un galano marabilloso e inesperado. Así o pensaba. Cada vez teño máis consciencia do afortunados que fomos de reencontralo. «?Hay que ver como el destino va tejiendo una trama?, decíanos», relatou Carmen Rico.