«Facemos xustiza a unha muller coa que no seu momento fomos inxustos por ignorancia»

L.López Lugo / La Voz< / span>

CASTROVERDE

03 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Xulio Xiz coordina o libro Benquerida Enriqueta, elaborado coa visión que 42 persoas teñen de Enrqiqueta Otero, formando unha visión poliédrica desta muller a través de recordos, gravacións, declaracións e documentos.

-¿Que importancia tivo Enriqueta Otero na educación?

-Enriqueta era conciencia social e esixencia permanente. Eu coñecina polo meu labor na delegación de Cultura e de xornalista. A súa teima eran os máis cativos. Un dos seus proxectos referíase á reutilización das vellas escolas rurais que quedaban baleiras polas concentracións nas capitais de Concello. Enriqueta propoñía aproveitalas para escolas de preescolar. De feito fixo unha unidade tipo en Cellán, Castroverde. Alí poderían estudar e xantar os nenos e nenas máis pequenos, e así non se vían na obriga de coller o bus escolar. Para ela, é en preescolar cando se fai a persoa, e os nenos de 3 anos precisaban estar en contacto cun mundo diferente para abrirlles os ollos.

-¿En que consistía o «Carriño»?

-Ela andaba cun carriño como símbolo da nosa terra, e o Carriño era o nome da súa asociación cultural. A súa sede era un hórreo que deseñou o o arquitecto Santiago Catalán e conseguiu que o alcalde Novo Freire llo deixase instalar en Doutor Portela. Alí había megafonía, biblioteca... Pero o Carriño era, sobre todo, unha utopía.

-¿Por que non funcionou?

-Por varios motivos. Agora temos perspectiva para saber da súa historia e admiramos a súa entrega e resistencia. Eu tíñalle e téñolle un gran agarimo, repecto e admiración, pero é certo que daquela non se lle facía moito caso. Por un lado o seu aspecto físico non axudaba a tela en consideración: andaba con muletas, o pelo longo e alobortado, capa longa... Ademais, todo estaba por facer nos anos setenta, e daquela non tiñamos memoria histórica e non sabiamos o que pasara aquí nos anos trinta e posteriores. Tiñamos bastante con saber que iamos ter a festa en paz cando morreu Franco, e chegaba Enriqueta falando da revolución cultural... Por outra banda, o Carriño era o traballo dunha muller soa, todo estaba na cabeza de Enriqueta, por iso eu a comparo con Don Quixote. Agora con estas exposicións facemos xustiza a unha muller coa que no seu momento, aínda axudándoa, fomos inxustos por ignorancia.