Morte de Franco
Esa, a segunda que o grupo levou aos escenarios, ten o valor simbólico de ser escrita por un dos membros. Pero tamén posuía un evidente significado cando apareceu, nuns tempos nos que a morte de Franco semellaba ser a porta a moitos cambios. Pita, irónico e algo escéptico, admite que aquelas ilusións perderon forza en contacto coa realidade: «Cambiaron os cans», di. O que non lle faltou ao grupo, no entanto, foi capacidade para conectar co público, tanto nas representacións desenvolvidas en Galicia coma nas que se fixeron noutras comunidades. Unha espectadora de Hospitalet de Llobregat botouse a chorar cando comezou a ver «Vaise pechar unha casa máis» e non parou ata o final; e cando os membros do grupo lle preguntaron a razón de tantas bágoas, ela expresouse con claridade: «Estades a contarme a miña vida», lles dixo.
Canda os membros que pasaron polo grupo estes anos (algúns xa morreron), hai outro nome sen o cal Os Valuros non terían chegado quizais ao nivel acadado. O crego Xosé Manuel Carballo (1944-2017), nado na parroquia de Goberno, dirixiu Os Baluros e conseguiu que o colectivo levase o nome deste lugar da comarca da Terra Chá por moitas vilas e cidades. Pasados tantos anos, os membros salientan que a reacción do público é un pulo para seguir actuando, aínda que tamén eloxian e agradecen o apoio e a boa disposición do xornalista Xulio Xiz.