«Hai que tirar O Carqueixo dunha vez, polo ben de todos»

André Siso Zapata
ANDRÉ S. ZAPATA LUGO / A VOZ

CASTRO DE REI

Manolo Vila foi director da Asociación de Promoción del Empleo Gitano durante 22 anos.
Manolo Vila foi director da Asociación de Promoción del Empleo Gitano durante 22 anos. OSCAR CELA

Compaxinou o seu labor como profesor co de promover a convivencia entre os xitanos desde a Asociación de Promoción do Emprego Xitano de Lugo

13 ene 2022 . Actualizado a las 19:31 h.

Toda unha vida dedicada a axudar aos máis desfavorecidos. Máis de catro décadas centradas en mellorar as vidas dunhas persoas ás que a sociedade abandonara. E é que Manolo Vila (Castro de Rei, 1946) é unha das persoas máis queridas por unha banda moi concreta da cidade de Lugo por varias razóns de peso. A comunidade xitana lucense considera a Vila como a unha das persoas máis importantes das últimas décadas para eles, xa que ensinou a ler e a escribir por centos de nenos xitanos, e axudou a atopar emprego a outros tantos adultos desa mesma comunidade. Todo, sen ningún ánimo de lucro, só «coa intención de axudar a unha comunidade que só coñecía o rexeitamento social».

—Como entrou en contacto coa comunidade xitana de Lugo?

—Eu gradueime como mestre en Lugo na década dos 60. A miña vocación sempre foi ensinar e axudar, así que sempre me atraeron as comunidades como as dos xitanos, que tiñan algo diferente. O primeiro contacto que tiven con eles foi no colexio da Anexa, a onde ían uns pequenos de orixe xitana hai máis de 50 anos. Era algo anecdótico. Logo foi cando fundaron o Carqueixo e montaron alí unha das chamadas «escolas ponte». Sacaron unha oferta de prazas, e eu conseguín unha delas. Fun para alá haberá máis de 40 anos, e non esquecerei nunca o que atopei alí unha vez cheguei.

—Como foron eses primeiros momentos nos que empezou a dar clase no Carqueixo?

—Era un caos, a dicir verdade. Os pequenos de alí precisaban educación escolar, pero tamén social. Os seus costumes e a súa cultura, que aínda son diferentes á dos paios [os non xitanos] a día de hoxe, por entón eran radicalmente distintas. Había moitísimo analfabetismo entre os adultos, o que dificultaba a nosa tarefa. Ademais, tiñamos que gañarnos a confianza dos pais para poder ensinarlle correctamente aos fillos, pero ao final conseguímolo. Os xitanos son persoas de palabra, que non te defraudan se che prometen algo con sinceridade. Os inicios foron unha aventura, sen dúbida. No ano 1996 pecharon o colexio e destinaron os nenos a colexios regulares, o que axudou moito á normalización da súa comunidade.

—A historia dos xitanos inflúe en como se adaptan ás cidades na actualidade?

—Levan 600 anos sendo perseguidos en España, desde que chegaron os Reis Católicos ao poder. É normal que desconfíen. En Lugo, a maioría dos xitanos descenden dun único matrimonio, María Camacho e Manuel Montoya, que xa morreron hai 80 anos. Calcúlase que, desa parella, descenden ata 6.000 persoas hoxe en toda Galicia. Nos anos 60, empezaron a ocupar casas que foran expropiadas en Fingoi e en Mariña Española. Foi nos 70 cando o ministerio, a Xunta e o Concello decidiron fundar o poboado do Carqueixo.

—A súa idea de normalización correspóndese co que é actualmente o poboado chabolista?

—Para nada. O Carqueixo é un símbolo de todo o que non debe ser. A comunidade xitana debe ser normalizada dentro da sociedade, non separala nun barrio propio. Esa idea empezou xa morta. Pensa que se lles entregaron as chabolas aos xitanos sen auga e sen luz, e así pasaron dous anos e medio. Nunca tiveron o apoio das institucións, o que derivou no que vemos na actualidade.

—Que solución existe agora?

—O Carqueixo hai que desfacelo. Hai que tiralo. Polo ben de todos; dos xitanos e do resto da sociedade lucense. É unha mágoa o que rematou sendo, pero non pode seguir así. As familias xitanas deben poder vivir como calquera outra.

—Como cre que axudou a asociación á comunidade xitana de Lugo neste senso?

—Creo que conseguimos que moitos xitanos entendesen que teñen que convivir co resto da sociedade, e que os paios comprendesen que os xitanos non son como se soe pensar, que hai unha convivencia posible.

.