«Ata hai tres anos non distinguía un tomate dun pemento»

Lucía Rey
lucía rey LUGO / LA VOZ

CASTRO DE REI

ALBERTO LOPEZ

Esta filóloga de Castro de Rei cambiou a traducción pola apicultura, o cultivo de trigo do país e a cosmética artesá. Cada martes vende os seus produtos ecolóxicos no Mercado da Terra

08 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Como milleiros de lucenses nacidos na década dos oitenta, María Gómez medrou coa idea de que estudar unha carreira lle abriría as portas dunha vida laboral próspera. Licenciada en Filoloxía Portuguesa pola Universidade de Santiago, e en Filoloxía Galega pola da Coruña, dedicouse profesionalmente uns tres anos a traducir e interpretar textos, antes de entrar «nunha crise existencial» que a animou a reconverterse en produtora ecolóxica. «Decidín deixalo porque foi decaendo a cousa, cada vez había menos encargos, e a necesidade de reciclarse era maior porque as empresas esixían cada vez máis cursos de formación, e carísimos», comenta esta veciña de Duarría, en Castro de Rei, que ten 29 anos. Aínda que seus pais son agricultores desde sempre, o seu contacto coa natureza era limitado. «Eu non tiña ningún interese nin polas plantas, nin polas abellas... Ata hai tres ou catro anos non distinguía un tomate dun pemento», sorrí.

Froito da treboada psicolóxica que provocan as decepcións, as incertezas e os obxectivos que escapan, o primeiro paso foi deixar Lugo cidade, onde vivía, e volver a establecerse en Castro de Rei. Nesa «etapa de transición longa», na que houbo «traballos múltiples», María atopouse cunha experiencia tan positiva como inesperada. «Buscando a paz que me faltaba e tratando de relaxar a cabeza, buscas a natureza e encóntraste con cousas moi gratificantes. Para min foi un espertar», destaca. Esa paixón repentina polo natural, coa que non contaba, fixo que os seguintes pasos xurdisen de seguido. Así, María iniciouse no mundo da apicultura facéndose cargo das colmeas familiares, recuperou para o cultivo de plantas aromáticas e medicinais varias fincas e está apostando pola produción de trigo do país. «Comézanche a ferver as ideas e non podes parar», comenta a rapaza, que comercializa os alimentos e artigos que produce coa marca Alteia (www.alteia.tictail.com).

Dificultades dos autónomos

Explica as dificultades que atopan os pequenos produtores, autónomos. «O que queres é ter todo en regra, pero só a cota é tan alta que tes que comezar así, e ir movendo os teus produtos», apunta. Polo de agora vende mel e trigo en gran, pero tamén fariña e pequenos excedentes. A outra pata é a cosmética natural, para a que se formou nun cursiño da USC e en Vigo. Ela mesma prepara un amplo surtido de cremas hidratantes, anti inflamatorias, bálsamos labiais, aceites, xeles ou xabóns de uso cosmético e doméstico.

De cando en vez, algún coñecido ou descoñecido se sorprende de que estea no sector agrícola. «A xente pensa que como estudaches non te podes dedicar a isto», comenta. -¿Arrepíntese de ter estudado Filoloxía? «Para nada. Non me equivoquei, só que non funcionou», reflexiona.

No Mercado da Terra

María Gómez é unha das pequenas produtoras ecolóxicas que cada martes pola tarde, en torno ás 17.00 horas, acode ao Mercado da Terra que se celebra no mercado municipal Quiroga Ballesteros. «Estou eu soa, pero teño a moita xente que colabora, sobre todo en momentos puntuais. Un deles é a miña parella; a el tamén lle gusta moito isto», comenta a rapaza, que ten dúas plantas fetiche: a caléndula, cun gran poder hidratante e cicatrizante; e a árnica, como anti inflamatorio. «Son as que máis uso», revela María, que dedica moito tempo á auto formación. En canto aos prezos, as cremas custan 7 euros (tarros de 50 mililitros), e o xabón en torno a 4 euros cada 100 gramos. O medio quilo de trigo en gran cotiza a 1,20, e o litro de mel a 8 euros. Destaca que a clientela valora cada vez máis este tipo produtos, producidos integramente de maneira natural. En abril, Alteia estará na Moexmu, en Muimenta.