Velocidades

Xulio Xiz

BEGONTE

19 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Enséñanme unha multa por exceso de velocidade na saída de Lugo cara A Coruña, onde hai un sinal de sesenta, medio agochada, que os habituais coñecemos como trampa para automobilistas que se confían pensando que xa non hai limitación algunha.

Á saída da cidade hai un lóxico límite de cincuenta por hora para moderar o tráfico, que logo sustitúe un de oitenta, pero uns centos de metros despois, cun seto que tapa o novo sinal, hai unha limitación de 60, que non se sabe por que está alí, preto duns concesionarios de coches e un establecemento hosteleiro pechado hai anos. Pouco despois, un novo sinal de 80, deixa como un lapsus o breve tramo que parece pensado para cazar incautos.

Ninguén recoñecerá afán recaudatorio, impulsado por quen corresponda, pero a situación que dura xa ben anos é abondo sospeitosa de que a seguridade é algo accesorio, sendo principal facer que os infractores paguen economicamente a súa culpa. E isto non é de agora, senón de sempre. Se non, a saber por que un dos sitios de control preferidos é o cruce de Rábade, na saída da autovía, ou porque se fan controis en lugares que sorprendemente quedan preto de lugares onde se celebran festivamente vodas, bautizos e banquetes.