«Señor alcalde, non peche o noso cole, déixenos vivir e estudar en Baamonde»

María Guntín
María Guntín LUGO / LA VOZ

BEGONTE

Cedido

Os alumnos deste centro protagonizan un vídeo para pedirlle ao conselleiro que non permita que o rexidor de Begonte, José Ulla, peche a súa escola

31 ene 2021 . Actualizado a las 22:37 h.

«Señor alcalde non peche o noso cole, déixenos vivir e estudar en Baamonde. Veña vernos á nosa escola, xa verá que bonita é! E conselleiro... non permita que nos boten da nosa escola, axúdenos, por favor. Eu quero ir ao cole que foron mamá e papá». Así de decididos falan parte dos aproximadamente 30 alumnos que estudan neste centro unitario e que levan meses manifestándose en contra do «antollo» do rexedor de Begonte, José Ulla (PP), que quere pechar o centro e mandar a estes nenos para o Virxe do Corpiño, que a súa vez xa conta con máis de 70 cativos.

A idea do rexedor é reconverter o colexio de Baamonde nun conservatorio. «Isto é dilapidar o futuro de moitos, impedirlle á xente vivir no rural», explican dende a ANPA. Un exemplo de que os centros pequenos —ademais de ser vacina contra o covid— ofrecen unha educación inigualable en calidade xa que hai xente que marchou das cidades para que os seus fillos puidesen estudar en Baamonde. Precisamente o presidente da asociación de nais e pais é Juan Manuel Franco, que chegou ata esta localidade xunto ca súa muller pensando en que o seu cativo de catro anos estudase nesta escola. «Nos hemos venido para aquí por el colegio, porque el trato es muy personalizado y la atención, constante», explican. Pero agora, ao coñecer a intención do alcalde, tamén están moi desgustados posto que din que lles será imposible conciliar se teñen que levar ao seu pequeno de catro anos ao colexio de Begonte ou ao de Guitiriz.

Nun primeiro momento, José Ulla propuxo o peche para construír un conservatorio profesional, pero despois da resposta do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, o pasado xoves no Parlamento, os pais destes nenos déronse conta de que se trata dunha escola particular de música do Concello, dunha iniciativa privada que non conta cun compromiso concreto de financiación da Xunta. O parlamentario socialista fixo fincapé en que Baamonde ten un número elevado de alumnos e cuestionou que o Concello de Begonte tivera capacidade económica para manter un conservatorio.

O pasado venres, a Valedora do Pobo aceptou a petición de amparo dos pais e dálles un prazo de 15 días a Concello e Consellería para que se pronuncien.