A Deputación mellora os servizos públicos de Begonte con 850.000 euros

La Voz

BEGONTE

Arranxaron, entre outras cousas, estradas, pontes, alumeados públicos e locais sociais

13 dic 2017 . Actualizado a las 11:52 h.

As melloras en servizos públicos, que o Goberno Provincial levou con 850.000 euros aos máis de 3.100 veciños de Begonte no último ano repártense entre 577.000 euros  executados do presuposto de 2016 e outros 276.574 euros destinados, polo de agora, do orzamento deste ano.

No seu conxunto destináronse ao impulso das infraestruturas e dotacións públicas, dos servizos sociais e do emprego. Deste xeito, son 430.000 euros os que o Executivo da Deputación achegou, tan só co orzamento de 2016, á mellora de infraestruturas e dotacións públicas como estradas, pontes, alumeados públicos ou locais sociais, como por exemplo os traballos realizados na LU-P-0803 de Alto de Gaibor  á Feira de Barrazoso, a restauración da Ponte de Uríz ou as melloras na rede de alumeado público nas parroquias de San Fiz de Cerdeiras e Santalla de Pena, Instalándose 58 puntos de luz LED cos que, ademais de mellorar este servizo aos 300 veciños de ditas zonas, reducirase a factura da luz en preto de 2.000 euros.

O Goberno Provincial destinou outros 18.000 euros á reparación da casa escola de Carballido, na parroquia de Pacios. Os traballos consistiron na reparación da cuberta, xanelas e portas do edificio. Este local social é empregado pola Asociación de veciños de Carballido para a celebración de actividades lúdico-culturais durante todo o ano.

Máis de 100.000 euros en novos postos de traballo

O Goberno Provincial xerou 11 novos postos de traballo no Concello de Begonte a través do DepuEmprego e o Ben Empregado, pois asume con case 104.000 euros os custos laborais destes profesionais que traballan en empresas do municipio e no propio Consistorio, reforzando os servizos públicos municipais.

Atención a 43 maiores

Outra das preocupación dos goberno provincial é a asistencia ós maiores, con 25.500 euros dase resposta á atención profesional de 43 maiores de Begonte, que non atende a Xunta de Galicia. O Executivo Provincial fíxoo a través do Servizo a Domicilio para persoas non dependentes, contratando profesionais que prestan 4.000 horas de atención aos usuarios, e coa Teleasitencia gratuíta.

Dinamización cultural, turística e deportiva

O Executivo Provincial achegou a Begonte outros 22.600 euros para a celebración de actividades culturais e deportivas, ademais de eventos turísticos.  Por exemplo, financiou o Belén de Nadal, a cabalgata de reis ou un concurso de postais municipal. Tamén destinou 11.000 euros ás escolas deportivas deste Concello.

Máis actuacións con outros 276.500 euros

O Executivo Provincial xa aprobou a concesión de 276.500 euros do orzamento de 2017, sendo este o primeiro, pero non o único, presuposto deste ano para a mellora das prestacións públicas dos veciño de Begonte. Con esta partida, o Goberno Provincial continuará cos traballos que realiza en impulso das infraestruturas, dotacións públicas, servizos sociais e do emprego neste Concello, facendo da institución unha Deputación coas persoas, social e rural.