Música, espectáculos infantís e deporte no Festival 27373

BEGONTE

ALBERTO LÓPEZ

O festival será o sábado 12 en Begonte

04 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Sábado 12 • Todo o día • Clube Fluvial de Begonte • Zona de acampada e entrada gratuíta •

Begonte celebrará o sábado 12 o VI Festival 27373, que organiza a Asociación Cultural Castiñeiro Milenario. Pola mañá, a programación vai dirixida aos cativos e ás familias. A partir das 12.00 haberá actividades deportivas con Non Estreses, que vai ofrecer paseos en canoa polo río Ladra; ás 13.00 comeza a demostración de fiado de lá e liño e de canto e música tradicional coa Asociación Cultural Bolboreta Fiandeira. A sesión vermú correrá a cargo de Son de Lugh. Ademais, presentarase a cervexa oficial do festival, a 27373, unha cervexa de trigo e laranxa elaborada nas instalacións de Cervexas Aloumiña. Pódese facer un xantar a carón do río, nunha zona que conta con todos os servizos e con área de baño.

Pola tarde, ademais dos paseos en canoa e as demostracións de fiado, ás 17.00 comezará o VI Aberto de Billarda e, en tres sesións diferentes, o espectáculo do Mago Antón ¿Onde está o Mago Antón?, con trucos para toda a familia.

Concertos

A partir das 19.30 abrirán o festival o grupo Ezetaerre (A Coruña), con rap combativo; Young Murajazz Big Band, banda de jazz da Escola de Música Rábade, Begonte e Outeiro de Rei, cun repertorio variado e moderno; e os sarrianos Airiños da Freba, un dos grupos revelación do panorama tradicional.

Máis información en http://festival27373.wordpress.com.