O San Lourenzo en Becerreá: deporte, música e rapa de bestas

P. A. LUGO / LA VOZ

BECERREÁ

Unha das edicións anteriores da rapa de bestas da Pena do Pico, no marco da celebración do San Lourenzo
Unha das edicións anteriores da rapa de bestas da Pena do Pico, no marco da celebración do San Lourenzo

A asociación Rente ao Couce recuperou fai seis anos a celebración na honra a este santo, que ten lugar na Pena do Pico e se completa cunha rapa de bestas. Celébrase os días 7 e 8 de agosto

03 ago 2026 . Actualizado a las 19:15 h.

Ata finais dos anos 80, era costume celebrar en Becerreá o San Lourenzo. Na Pena do Pico, organizábase unha romaría que reunía a moita xente de concellos limítrofes, que gozaban con misa —moitas veces na capela de Santa María do San Lourenzo, en Penamaior—, música e un xantar campestre. Tras aqueles tempos a celebración perdeuse, e fai seis anos que a asociación Rente ao Couce decidiu recuperala, adaptándose aos tempos e introducindo novidades.

O evento, que se aglutina en dous días, comeza o venres 7 cunha subida a Pena do Pico, ás 20.00 horas. Partirá do centro social de Becerreá, e poderá facerse correndo, en bicicleta, camiñando ou a cabalo. Son uns 8 quilómetros que transcorren entre a plena natureza de Os Ancares. De feito, un dos obxectivos da celebración é, precisamente, poñer en valor o patrimonio natural da zona. Na meta haberá, segundo explican, entrega de trofeos, foliada e petiscos. Este ano dende a agrupación optaron pola andaina fronte á tradicional romaría, unha decisión que se enmarca nese obxectivo de ir transformando e adaptando o evento.

Rapa de bestas

Ademais, a subida á Pena do Pico complétase ao día seguinte con misa, vermú e cunha rapa de bestas, que ten unha traxectoria de catro anos. Conta Elba Cordero Gómez, unha das organizadoras, pertencente a agrupación Seara Verde, que a rapa comezou sendo algo particular, que a súa familia facía na casa porque ao ter cabalos necesitaban pasar por esa tarefa. No obstante, un coñecido propúxolles facela na Pena do Pico —onde se celebra agora— ata o punto de abrila ao público para que poida gozar e coñecer esta tradición, que non é común en Os Ancares.

A decisión de xuntala coa celebración do San Lourenzo —a rapa será ao día seguinte, o sábado 8— foi motivada pola combinación de esforzos e o intento de que se achegue o maior número de persoas posible. Conta Elba que son sobre 30 os cabalos de Pura Raza Galega que se xuntan para desparasitar no curro, e que o evento ten cada vez máis acollida. «É algo que temos que facer si ou si ao ter estes animais, pero gústanos que veña a xente e por iso decidimos abrila ao público».

A rapa terá lugar o sábado día 8 tamén na Pena do Pico. Pero a xornada comezará cunha misa ás 12.00 horas, para seguir con sesión vermú e foliada ás 12.30. A mañá finaliza cun xantar ás 14.00 horas e a rapa prográmase para pola tarde, ás 16.00 horas. No evento colaboran, ademais de Rente ao Couce e Seara Verde, a Deputación de Lugo e o Concello de Becerreá.