Maruja Roca, a fotógrafa dos soños

Laura López LUGO / LA VOZ

BECERREÁ

Dos escenas fotografiadas por Maruja Roca.
Dos escenas fotografiadas por Maruja Roca.

Un libro recolle a obra que a artista realizou na montaña lucense da posguerra

03 jul 2021 . Actualizado a las 09:19 h.

A figura de Maruja Roca suscita hoxe en día tantas incógnitas como admiracións. Non é para menos. Falamos dunha muller que foi fotógrafa en Becerreá nos anos corenta e cincuenta, e cuxas imaxes -consérvanse pouco máis dun cento delas, entre as que gardou no seu arquivo e as que a veciñanza foi achegando recentemente- dan conta da destreza que esta lucense tiña coa cámara, do seu talento para retratar o pobo, para captar a emoción nos rostros e crear escenarios soñados, e da súa gran calidade artística. Afondar na vida e na obra desta muller fascinante, que viviu na montaña lucense da posguerra, é posible grazas ao traballo de investigación que fixeron a xornalista e sobriña neta de Maruja, Nieves Neira, e o editor e fotógrafo Eutropio Rodríguez, e que plasmaron no libro O feitizo de Maruja Roca. O volume, en versión trilingüe (galego, castelán e inglés), está editado por aCentral Folque.

Case de casualidade coñeceu Nieves o traballo de Maruja. Foi un día que o seu tío Suso lle amosou as imaxes que conservaba súa nai, da que se dicía que «facía fotos»; unha expresión que acadou «unha dimensión enorme» cando saíu á luz o seu traballo. Trala publicación dunha reportaxe, Nieves comezou a recibir chamadas de xente que tiña imaxes de Maruja. Aí naceu a idea do libro. «Apareceron fotografías dela en Becerreá, Lugo, Baralla, Rianxo, A Coruña, Santiago...», explica Eutropio. E saben que moitas están tamén en América, pola emigración.

MARUJA ROCA

Maruja Roca naceu en Castro de Rei en 1912, e catro anos despois a súa familia establécese en Baralla, onde seus pais montan un café con pousada ao pé da N-VI. É despois da Guerra Civil cando casa e marcha a Becerreá. Nese contexto de posguerra, de fame e miseria, Maruja consegue unha cámara, aprende o oficio e convértese, durante unha década, na única fotógrafa da comarca. Como o logra é un misterio: quen sabe se no seu camiño se cruzaron Ruth Matilda Anderson ou Walter Ebeling, cuxa presenza na comarca debeu de ser sonada.

En calquera caso, converteuse na testemuña gráfica dunha época, tanto polas súas imaxes de celebracións como polas artísticas, nas que sacaba o seu arsenal de imaxinación e botaba man das súas técnicas como pintora. Di Mario Benedetti que «o pasado é unha colección de silencios», pero as fotografías de Maruja Roca dan voz a esa memoria colectiva, dun tempo que xa non existe, pero cun ollar artístico.

Un caso único e excepcional

Que fai tan especial a figura e o traballo de Maruja Roca? Eutropio teno claro: «A fabulación, a capacidade de inventar mundos; é única, un caso excepcional». Ela ía máis alá do entroido empregando disfraces e creando postas en escena singulares nas que se poden atopar desde chineses, ata un veciño vestido con dengue, cofia e fouciña, ou unha nena pirata de terra adentro, «unha foto que fala moi ben do traballo de Maruja». Ela non podía ir polas feiras coma os homes, así que «dentro dese espazo no que se acouta a vida dunha muller, puido dinamitalo, atopou maneiras de desviarse e é bonito ver que conseguiu escapar do que estaba marcado para ela», di Nieves. Así, enlaza tamén coa fotografía social -cuxo gran referente en Galicia é Virxilio Viéitez- retratando marxinados, vagabundos, familias xitanas...

Tres imágenes tomadas por Maruja Roca.
Tres imágenes tomadas por Maruja Roca.

Por outra banda, foi das poucas mulleres que exerceron o oficio en Galicia na posguerra. Segundo a investigadora Fernanda Padín, coñecemos oito mulleres na primeira metade do século XX en Galicia. Pero seguramente houbo moitas máis: «Hai máis mulleres das que pensamos, sempre é así, pero quedan eclipsadas polos nomes dos homes», di Nieves. De feito, ela non firmaba as súas fotos, facíao como JEMA, coas iniciais de Jesús, o seu marido (que arranxaba bicicletas), diante das súas. «Aí ves o fráxil que é a memoria», conta Nieves.

MARUJA ROCA

«Foi moi fermoso o traballo de recollida, indo casa por casa, abrindo álbums familiares, abrindo, finalmente, as portas da memoria, e acadar esa intimidade coas mulleres. Porque, se é certo que tradicionalmente son os homes os que facían as fotografías, foron as mulleres as que se encargaban de elaborar esa narrativa no álbum familiar», conta Nieves. A cota feminina é aínda máis notoria no caso de Maruja Roca, non só por ser ela muller, senón pola gran presenza feminina nas súas fotos: «Chaman a atención as imaxes de mulleres, fotografadas dunha maneira moi libre, moi solta», engade.